concellos Denuncias

O PSOE de Cartelle esixe á Xunta que actúe na OU-404 ante a proliferación de maleza na estrada e carón de vivendas

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA O ABANDONO DA OU-404 POR PARTE DA XUNTA E ESIXE UNHA ACTUACIÓN “URXENTE” PARA GARANTIR A SEGURIDADE VIARIA E PREVIR INCENDIOS

A proliferación de maleza e vexetación invade marxes, oculta espazos e chega incluso a afectar a varias vivendas, ofrecendo unha imaxe de absoluta desatención, o que supón un risco para a seguridade viaria e en caso de incendio

Jesús Pereiras critica que «a Xunta volve demostrar que Cartelle non está entre as súas prioridades. Mentres noutras zonas se realizan labores de limpeza e conservación, aquí atopámonos cunha estrada completamente abandonada, con maleza que invade espazos públicos e mesmo chega a afectar a propiedades particulares»

Cartelle, 7 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia o estado de “abandono” que presenta a estrada autonómica OU-404, de titularidade da Xunta de Galicia, no tramo que atravesa o municipio e comunica Barral con Celanova, onde a proliferación de maleza e vexetación invade marxes, oculta espazos e chega incluso a afectar a varias vivendas, ofrecendo unha imaxe de absoluta desatención.

As e os socialistas advirten de que esta situación “non só supón un importante deterioro da contorna, senón que representa un risco evidente para a seguridade viaria, ao reducir a visibilidade en distintos puntos da vía, dificultar o tránsito e limitar o mantemento das marxes”. Ademais, co verán xa iniciado e en plena época de máximo risco de incendios forestais, consideran «incomprensible» que a Xunta continúe sen actuar.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, critica que «a Xunta volve demostrar que Cartelle non está entre as súas prioridades. Mentres noutras zonas se realizan labores de limpeza e conservación, aquí atopámonos cunha estrada completamente abandonada, con maleza que invade espazos públicos e mesmo chega a afectar a propiedades particulares».

Pereiras lamenta que «non estamos falando dunha cuestión estética, senón dun problema de seguridade. Hai tramos nos que a vexetación dificulta a visibilidade dos condutores e incrementa o risco de accidentes, ao tempo que se acumula unha importante carga de combustible vexetal xusto ao carón das vivendas e da propia estrada».

O portavoz socialista considera «inadmisible» que a Consellería competente non planifique un mantemento periódico dunha vía autonómica que soporta un importante tránsito diario e que conecta diferentes núcleos de poboación da comarca. «Os veciños e as veciñas pagan impostos e teñen dereito a que as infraestruturas autonómicas se manteñan en condicións. Non se pode esperar a que ocorra un accidente ou, peor aínda, que se produza un incendio para reaccionar. A prevención faise antes e non cando xa é demasiado tarde», afirma.

Desde o PSdeG-PSOE de Cartelle esixen á Xunta de Galicia que proceda de maneira “inmediata” á limpeza integral das marxes da OU-404 ao seu paso polo municipio, eliminando a maleza acumulada e garantindo tanto a seguridade da circulación como a protección das vivendas situadas nas proximidades da estrada.

«É evidente que existe unha absoluta falta de planificación e de interese por parte do Goberno galego. O abandono que sofre esta estrada é unha mostra máis da política de deixadez que a Xunta mantén co rural e cos concellos do interior. Os veciños de Cartelle merecen o mesmo trato e os mesmos servizos que calquera outro galego», conclúe Jesús Pereiras Vázquez.

As imaxes tomadas en distintos puntos da OU-404 evidencian o avanzado estado da vexetación, con silveiras e plantas que cobren muros, invaden as marxes da estrada e rodean edificacións, unha situación que require unha intervención inmediata por parte da administración autonómica.