Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Amosamos unidade e mobilizámonos de cara as eleccións do 29-N

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AMÓSASE UNIDO E MOBILÍZASE DE CARA AS ELECCIÓNS DO 29 DE NOVEMBRO CO OBXECTIVO DE REVALIDAR O GOBERNO E FREAR Á DEREITA E Á ULTRADEREITA

José Ramón Gómez Besteiro reúne alcaldes, alcaldesas e voceiros e voceiras socialistas da provincia para analizar o abandono de Ourense nos orzamentos da Xunta e activar a mobilización electoral e defender un proxecto que permitiu avanzar en dereitos, investimentos e protección social

As e os socialistas salientan que Ourense será decisiva para disputar un deputado ao PP e evitar un Goberno da dereita coa ultradereita, fronte a un modelo que ameaza os avances sociais e que leva anos castigando a provincia desde a Xunta

Lembran que nas últimas eleccións xerais quedou a tan só 3.000 votos de conseguir un segundo deputado no Congreso por Ourense, unha diferenza que converte a provincia nun territorio clave para reforzar a representación socialista e frear ao PP

Ourense, 27 de outubro de 2026. O secretario xeral do PSdeG-PSOE e voceiro socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo onte pola tarde unha reunión con alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras socialistas da provincia de Ourense para reforzar a coordinación do partido e activar a mobilización de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. Un acto no que tamén estiveron presentes membros da candidatura socialista ás eleccións xerais do 29-N.

O encontro serviu para visualizar a unidade e a forza do socialismo ourensán nunha cita electoral “decisiva” para o futuro do país. O PSdeG-PSOE de Ourense afronta estas eleccións co obxectivo de revalidar o Goberno progresista de Pedro Sánchez, consolidar os avances conseguidos nos últimos anos e impedir que o PP chegue á Moncloa da man da ultradereita.

As e os socialistas ourensáns reivindican o traballo realizado polo Goberno de España en materia de dereitos sociais, emprego, pensións, salario mínimo e investimentos, fronte a unha alternativa política que, segundo advirten, “pon en risco os avances conquistados e pretende abrir unha etapa de recortes e retrocesos”.

Pedro Sánchez ou un goberno do PP con Vox

O PSdeG-PSOE de Ourense considera que o 29-N “a cidadanía terá que decidir entre continuar cun Goberno que aposta pola protección social, a igualdade de oportunidades e a ampliación de dereitos ou permitir que o PP chegue ao poder apoiado pola ultradereita”.

Fronte aos discursos da dereita, as e os socialistas defenden os avances impulsados polo Goberno de Pedro Sánchez e reivindican a necesidade de “seguir construíndo unha España con máis dereitos, máis oportunidades e maior protección para as persoas traballadoras, os pensionistas e os colectivos máis vulnerables”.

A reunión de Besteiro cos representantes municipais de Ourense enmárcase na preparación dunha campaña na que o partido quere trasladar á cidadanía a importancia de cada voto e a necesidade de mobilizar o electorado progresista para impedir un cambio de Goberno que poña en cuestión as políticas sociais desenvolvidas nos últimos anos.

Ourense quedou a só 3.000 votos de conseguir un segundo deputado socialista

O PSdeG pon o foco no enorme potencial electoral da provincia e lembra que, nas últimas eleccións xerais, quedou a tan só 3.000 votos de conseguir un segundo deputado socialista no Congreso por Ourense. Unha diferenza que evidencia que cada voto pode ser determinante e que a mobilización electoral pode traducirse nun avance decisivo para a representación socialista.

As e os socialistas consideran que esta proximidade debe servir como estímulo para afrontar o 29N coa máxima implicación, reforzando o traballo nos concellos e mobilizando cada persoa que queira seguir avanzando en dereitos e políticas progresistas.

“Conseguir ese segundo escano permitiría reforzar a voz socialista ourensá no Congreso dos Deputados e contribuír á fortaleza parlamentaria necesaria para que Pedro Sánchez poida continuar á fronte do Goberno de España”, salientan dende o PSOE ourensán. Por iso, chaman a concentrar o voto progresista e a non dar ningún apoio por descontado.

“Os alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras socialistas representan unha fortaleza fundamental nesta estratexia, grazas á súa proximidade coa cidadanía e ao coñecemento directo das necesidades de cada municipio”, apuntan as e os socialistas. O partido aposta por converter esa implantación territorial nunha mobilización ampla, sostida e capaz de chegar a todos os recunchos da provincia.

Ourense non pode seguir pagando o prezo das promesas incumpridas de Feijóo

Durante o encontro tamén se abordou a situación da provincia e o abandono que, segundo denuncia o PSdeG-PSOE de Ourense, “continúa sufrindo por parte da Xunta de Galicia”. As e os socialistas consideran que o modelo de Alfonso Rueda prolonga a política de Alberto Núñez Feijóo, “marcada por anuncios e promesas que non se traducen nas actuacións e nos investimentos que precisa Ourense”.

“Un exemplo significativo é o reparto dos Fondos de Compensación Interterritorial, dos que de 155 millóns de euros distribuídos pola Xunta entre 2022 e 2025, Ourense non recibiu ningunha asignación provincializada”, explicou Gómez Besteiro. Para o secretario xeral do PSdeG, este dato “evidencia a falta dunha aposta real polo equilibrio territorial e por unha provincia que necesita oportunidades para combater o despoboamento, mellorar os servizos públicos e garantir o seu desenvolvemento económico”.

As e os socialistas subliñan que a defensa dos intereses de Ourense “tamén pasa por contar cun Goberno de España comprometido coas infraestruturas, os servizos públicos e a cohesión territorial, e por impedir que a provincia siga sometida a políticas de abandono e desigualdade”. O partido contrapón así a acción do Goberno progresista de Pedro Sánchez coa xestión do PP na Xunta e chama a valorar as políticas públicas desde os seus resultados, non desde as promesas electorais.

Ourense, clave para frear á dereita e a á ultradereita

O PSdeG-PSOE de Ourense lembra que a provincia será “determinante” no resultado das eleccións xerais e que o reparto dos escanos fai imprescindible “concentrar o voto progresista na candidatura socialista para disputar representación ao PP”.

As e os socialistas destacan a súa implantación territorial, o traballo dos seus representantes municipais e a capacidade de chegar a todos os concellos como fortalezas para afrontar unha campaña na que cada voto pode resultar decisivo. “O obxectivo é mobilizar a cidadanía progresista, reforzar a confianza no proxecto socialista e evitar que os votos que poden contribuír a frear a dereita se dispersen”, subliñan.

A reunión con Besteiro representa, neste sentido, un paso máis na activación do partido na provincia, coa implicación dos alcaldes, alcaldesas, voceiros e voceiras como protagonistas dunha campaña que pretende conectar a política estatal coas necesidades reais da cidadanía ourensá. O PSdeG-PSOE de Ourense defende que o 29N “non só se decide quen goberna España, senón tamén se o país continúa avanzando en dereitos e protección social ou abre a porta a un Goberno condicionado pola ultradereita”.

Un socialismo ourensán unido para seguir avanzando

O encontro rematou cunha mensaxe de unidade e mobilización. O socialismo ourensán afronta as eleccións xerais coa determinación de defender o Goberno de Pedro Sánchez, reivindicar os avances sociais e traballar para que Ourense teña unha voz forte nas Cortes Xerais.

“Ourense coñece ben a Feijóo, as súas promesas e os seus incumprimentos, e sabe que Rueda continúa sen dar resposta ás necesidades da provincia. O 29 de novembro xogámonos tamén a continuidade dun Goberno de Pedro Sánchez que ampliou dereitos e reforzou a protección social”, resumiron as e os socialistas, que tamén apuntan que “o socialismo ourensán está unido e mobilizado para frear á dereita e á ultradereita, defender todo o conseguido e seguir avanzando”.

O PSdeG-PSOE de Ourense chama a afrontar estas semanas con ilusión, unidade e compromiso, convencidos de que a mobilización do electorado progresista será fundamental para revalidar o Goberno de España e garantir que o futuro do país siga marcado polo avance social, a igualdade e a defensa dos servizos públicos.