Eleccións Xerais 2026 GOBERNO ESTATAL POLÍTICA PROVINCIAL

O PSOE cumple con Viana e cunha demanda histórica

O PSDEG-PSOE PON EN VALOR OS 1,66 MILLÓNS DE EUROS QUE O GOBERNO INVESTIRÁ NA NOVA DEPURADORA DE VIANA DO BOLO PARA RESOLVER UN PROBLEMA HISTÓRICO DO SANEAMENTO

 A candidatura socialista subliña que o Goberno de Pedro Sánchez demostra con feitos o seu compromiso cos concellos do interior de Ourense, garantindo investimentos que melloran a calidade de vida e protexen o medio natural

Destacan que o Estado financia o 95 % dunha infraestrutura fundamental para o municipio, cunha achega de 1,577 millóns de euros a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

“Estamos falando de acabar cun problema ambiental que se arrastra desde hai 25 anos e de dotar Viana dunha depuradora moderna, situada nunha cota máis elevada e deseñada para evitar os problemas que afectaban á instalación anterior”, destaca Carmen Rodríguez Dacosta

Viana do Bolo, 13 de novembro de 2026. A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso dos Deputados e ao Senado nas eleccións do 29 de novembro visitou hoxe Viana do Bolo para poñer en valor o compromiso de investimento de 1,66 millóns de euros do Goberno de España para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha infraestrutura estratéxica que permitirá solucionar un problema histórico de saneamento que se prolonga desde hai 25 anos no municipio.

As representantes socialistas destacaron que esta actuación, impulsada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, supón un dos investimentos importantes do Estado para mellorar as infraestruturas básicas dos concellos do interior da provincia e garantir que a veciñanza do rural conte cos mesmos estándares de calidade ambiental e servizos que calquera outro territorio.

“Estamos ante un exemplo moi claro de como o Goberno de Pedro Sánchez está investindo en Ourense e resolvendo problemas que levan décadas esperando unha solución. Falamos de 1,66 millóns de euros para unha infraestrutura imprescindible, cunha achega do Estado que representa o 95 % do investimento. Isto é compromiso co territorio, cos concellos pequenos e coa igualdade de oportunidades”, afirmou Carmen Rodríguez Dacosta.

A candidata socialista ao Congreso incidiu en que a antiga depuradora de A Galega permanece fóra de servizo desde o ano 2001, polo que durante un cuarto de século as augas residuais que chegaban a esta instalación estiveron verténdose sen recibir o tratamento correspondente. Ademais, a súa localización nunha zona inundable imposibilitaba recuperar o funcionamento da infraestrutura anterior, facendo necesaria unha solución estrutural e adaptada ás necesidades actuais e futuras de Viana do Bolo.

“Non estamos falando dun pequeno arranxo nin dunha actuación menor. Estamos falando de acabar cun problema ambiental que se arrastra desde hai 25 anos e de dotar Viana dunha depuradora moderna, situada nunha cota máis elevada e deseñada para evitar os problemas que afectaban á instalación anterior. O Goberno de España dá un paso decisivo para que este problema teña, por fin, unha solución”, destacou.

As candidatas e candidatos socialistas puxeron o acento no esforzo financeiro que realiza a Administración central, que asumirá 1.577.000 euros dos 1.660.000 euros previstos, mentres que o Concello de Viana do Bolo achegará os 83.000 euros restantes. “O dato é moi significativo: o Goberno de España asume o 95 % do custo desta actuación. É unha demostración de que os concellos pequenos non están sós e de que hai un Goberno que entende que investir no rural significa tamén garantir saneamento, depuración, protección ambiental e servizos públicos básicos. Non pode haber concellos de primeira e de segunda”, sinalaron.

Neste senso tamén subliñaron que este tipo de investimentos son especialmente importantes nunha provincia como Ourense, marcada pola dispersión territorial e polo envellecemento da poboación. “Para fixar poboación e ofrecer futuro aos nosos municipios non abondan as palabras. Fan falta investimentos, infraestruturas e actuacións concretas. A nova depuradora é un exemplo de como os recursos públicos poden transformar a realidade dos concellos e mellorar directamente a vida da súa veciñanza”.

Un investimento estatal do 95 % para unha infraestrutura de futuro

O financiamento desta actuación quedou establecido no convenio asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello de Viana do Bolo o 17 de xullo de 2026, publicado no Boletín Oficial do Estado o 30 de xullo. O investimento total estimado ascende a 1.660.000 euros, IVE incluído, e está previsto con cargo aos orzamentos da CHMS para os exercicios 2026, 2027, 2028 e 2029.

O proxecto contempla catro grandes actuacións. En primeiro lugar, a demolición e retirada das instalacións da antiga depuradora de A Galega, que permanece fóra de servizo desde 2001. En segundo lugar, a construción dunha nova EDAR, dimensionada para unha poboación equivalente de 1.000 habitantes e situada nunha cota superior para evitar os riscos de inundación.

A intervención completarase coa instalación dun tanque de tormentas, que permitirá xestionar os importantes volumes de augas pluviais que chegan ao sistema, e coa execución das conexións necesarias para integrar a nova infraestrutura na rede municipal de saneamento.

A distribución económica do investimento contempla 50.000 euros para a redacción do proxecto, 1.450.000 euros para a execución das obras, 145.000 euros para a liquidación do contrato e 15.000 euros para a dirección de obra e a coordinación de seguridade. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil será a encargada de licitar, adxudicar e xestionar as obras, asumindo a maior parte do esforzo económico e da responsabilidade técnica da actuación.

O compromiso do Goberno de España coa provincia de Ourense

As candidatas e os candidatos socialistas aproveitaron a visita para reivindicar a importancia dos investimentos que o Executivo central está a impulsar na provincia de Ourense, especialmente naqueles municipios que precisan infraestruturas básicas para garantir o seu desenvolvemento e a igualdade de oportunidades.

“O PSOE demostra que gobernar é resolver problemas e que o compromiso cun territorio mídese nos investimentos que chegan e nas necesidades que se atenden. Viana do Bolo vai contar cunha solución para un problema de saneamento de 25 anos grazas a un investimento no que o Goberno de España asume practicamente todo o custo”, concluíron.

O PSdeG-PSOE de Ourense defende que o 29 de novembro tamén se decide que modelo de investimentos e de atención ao territorio se quere para o futuro, apostando polo compromiso do PSOE cos concellos do interior, coa protección do medio natural e cunha provincia de Ourense que teña máis oportunidades e servizos.