Eleccións Xerais 2026 POLÍTICA PROVINCIAL

Os investimentos socialistas devolven á vida o Colexio Vello de Maside

O PSDEG-PSOE REIVINDICA O INVESTIMENTO DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ QUE DEVOLVE A VIDA AO COLEXIO VELLO DE MASIDE E CREA NOVAS OPORTUNIDADES PARA O RURAL OURENSÁN

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense destaca o compromiso do Goberno de España coa recuperación do patrimonio público e coa mellora dos servizos nos pequenos concellos da provincia

Brian Diz González subliña que «os fondos mobilizados polo Goberno de Pedro Sánchez permiten rehabilitar un edificio histórico de 1950 e convertelo nun novo espazo cultural e social para toda a veciñanza»

Maside, 16 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España coa recuperación do patrimonio público e coa mellora dos servizos nos pequenos concellos da provincia, a través do investimento destinado á rehabilitación do antigo Colexio Vello de Maside. Unha actuación que permitirá recuperar un edificio histórico construído en 1950 e transformalo nun equipamento público moderno, accesible e polivalente, destinado a acoller actividades culturais, sociais e asociativas.

O candidato do PSdeG-PSOE de Ourense ao Congreso dos Deputados, Brian Diz González, subliña que «o Goberno de Pedro Sánchez está demostrando que os investimentos e as oportunidades tamén teñen que chegar aos concellos pequenos, ao rural e a municipios como Maside, que necesitan recursos para conservar o seu patrimonio e mellorar os servizos que ofrecen á cidadanía».

Diz González destaca que a actuación conta cunha achega de 225.000 euros do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, anunciada en xuño de 2024 polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, no marco do programa PIREP. Esta achega súmase aos 77.563,02 euros concedidos en novembro de 2022, tamén a través do programa PIREP Local, integrado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos europeos Next Generation. Maside foi, ademais, o único concello da provincia de Ourense beneficiario daquela primeira convocatoria.

O concello complementaba o financiamento estatal cunha achega de 70.000 euros de fondos municipais, nunha colaboración entre administracións que permite impulsar a recuperación integral deste inmoble e dotalo de novos usos públicos.

«Estamos falando de investimentos que teñen un impacto directo na vida da xente. Non se trata unicamente de rehabilitar un edificio antigo, senón de recuperar un espazo que poderá converterse nun punto de encontro para asociacións, colectivos, actividades culturais e iniciativas sociais. É así como se constrúe futuro desde o municipalismo», afirma o candidato socialista.

Un edificio histórico máis eficiente

O proxecto contempla unha intervención ampla sobre o edificio, comezando pola renovación da cuberta, coa substitución dos paneis de fibrocemento deteriorados por unha nova cobertura de tella cerámica curva. Tamén se prevé a substitución das fiestras e carpinterías exteriores por solucións de aluminio e dobre acristalamento, así como melloras no illamento térmico para reducir as perdas de calor e incrementar o confort interior.

Outro dos elementos destacados é a modernización do sistema de calefacción, coa instalación dunha caldeira de biomasa mediante pellets que substitúe o anterior sistema baseado en gasóleo. Unha actuación que permitirá avanzar na eficiencia enerxética e na sustentabilidade das instalacións públicas. A rehabilitación inclúe tamén a incorporación dunha bancada retráctil de 92 prazas, que permitirá habilitar un pequeno auditorio e ampliar as posibilidades de utilización do inmoble como centro multiusos e cultural.

Para Brian Diz González, «os fondos europeos teñen que servir precisamente para isto, transformar recursos económicos en melloras concretas para os municipios. Recuperamos patrimonio, reducimos o consumo enerxético e creamos novas infraestruturas para a convivencia e a actividade cultural».

O compromiso co rural tamén se demostra con investimentos

O candidato socialista considera que a rehabilitación do Colexio Vello de Maside representa unha mostra do modelo de país que defende o PSOE. «Un modelo no que vivir nun concello pequeno non signifique ter menos oportunidades nin menos servizos”, sinala, á vez que apunta que “o Goberno de España está mobilizando recursos para que os municipios do rural poidan modernizar as súas instalacións, recuperar o seu patrimonio e ofrecer máis posibilidades á súa veciñanza».

Neste senso, Brian Diz González chama a ter en conta o que está en xogo nas eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro e reivindica a importancia de contar cun Goberno comprometido coas necesidades da provincia. «O 29 de novembro temos que decidir se queremos seguir avanzando cun Goberno que inviste nos nosos concellos, que mobiliza fondos europeos e que aposta polo rural, ou se queremos dar pasos atrás. Desde o PSdeG-PSOE defendemos unha provincia de Ourense con máis servizos, máis oportunidades e investimentos que cheguen a todos os municipios, non só ás grandes cidades», conclúe.