O PSDEG-PSOE DE OURENSE CHAMA EN AMOEIRO A CONCENTRAR O VOTO NO PSOE PARA CONSEGUIR O SEGUNDO DEPUTADO POR OURENSE E IMPEDIR UNHA MAIORÍA DO PP E VOX
As e os socialistas lembran que están a apenas 1.200 votos de lograr o segundo escano pola provincia e subliñan que o PSOE é a única forza política capaz de arrebatarlle un deputado ao Partido Popular
“O PSOE demostrou que se pode gobernar mellorando a vida da maioría social. Nós apostamos por salarios dignos, emprego estable e dereitos laborais. Fronte a quen quere volver aos recortes e á precariedade, defendemos que traballar ten que permitir vivir con dignidade”, sinalan
Ourense, 19 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou en Amoeiro un mitin electoral no que as e os socialistas fixeron un chamamento á mobilización e á concentración do voto progresista arredor do PSOE para conseguir o segundo deputado pola provincia. As e os socialistas incidiron en que Ourense está a apenas 1.200 votos de lograr ese obxectivo e advertiron de que cada voto conta nunha circunscrición na que o PSOE é a única forza política con posibilidades reais de arrebatarlle un escano ao Partido Popular.
Neste sentido, trasladaron unha mensaxe clara á cidadanía. O voto útil para frear ao PP e evitar un goberno da dereita e da ultradereita é o voto ao PSOE. Neste senso advertiron de que dividir o voto entre distintas formacións da esquerda pode acabar facilitando que o Partido Popular consiga ese deputado e teña máis posibilidades de gobernar xunto a VOX. “Estamos a só 1.200 votos de conseguir ese segundo escano. Non podemos deixar que ningún voto progresista se perda. Se queremos frear ao PP e a VOX, a papeleta que pode facelo realidade en Ourense é a do Partido Socialista”, defenderon.
O acto contou coas intervencións de María José Gil Francisco, secretaria de Organización do PSdeG-PSOE en Amoeiro, que foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes; do alcalde de Amoeiro, José Luis González; de María Fernández Ojea, candidata socialista ao Senado; de Brian Diz González e Carmen Rodríguez Dacosta, candidatos ao Congreso dos Deputados; e do expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe.
















Brian Diz González puxo o foco nas oportunidades para a mocidade e na importancia de construír unha provincia na que os mozos e mozas poidan desenvolver o seu proxecto de vida sen verse obrigados a marchar. O candidato destacou a necesidade de seguir apostando pola educación, a formación e o emprego estable, lembrando que a estabilidade laboral é imprescindible para poder emanciparse, acceder a unha vivenda e construír un futuro.
Neste sentido, puxo en valor os avances acadados polas políticas do Goberno socialista, cun crecemento superior ao 30 % no número de traballadores menores de 25 anos na provincia desde 2018, así como o impulso ás bolsas, á Formación Profesional e ás oportunidades educativas. Defendeu que «a mocidade non pode ser unha xeración condenada á precariedade ou a marchar da súa terra por falta de oportunidades. Necesitamos emprego con dereitos, formación e políticas que permitan que cada mozo e cada moza poida decidir libremente onde quere vivir e traballar».
Carmen Rodríguez Dacosta centrou a súa intervención no emprego e na mellora das condicións salariais, reivindicando o compromiso dos gobernos socialistas coa dignificación do traballo e coa mellora dos ingresos das persoas traballadoras. A candidata destacou a importancia da reforma laboral para reducir a temporalidade e impulsar a contratación indefinida, así como as sucesivas subas do Salario Mínimo Interprofesional, que permitiron mellorar os ingresos de miles de familias.
A este respecto, salientou que a provincia de Ourense conta con máis de 111.500 persoas afiliadas á Seguridade Social, un 8 % máis que en 2018, e que o 71 % das persoas afiliadas teñen un contrato indefinido. Ademais, lembrou que a última actualización do SMI sitúao nos 1.221 euros en 14 pagas, beneficiando directamente arredor de 13.500 traballadores e traballadoras a tempo completo na provincia.
“O PSOE demostrou que se pode gobernar mellorando a vida da maioría social. Nós apostamos por salarios dignos, emprego estable e dereitos laborais. Fronte a quen quere volver aos recortes e á precariedade, defendemos que traballar ten que permitir vivir con dignidade”, sinalou.
María Fernández Ojea abordou a protección das persoas maiores, as pensións e o escudo social, reivindicando as políticas desenvolvidas polos gobernos socialistas para garantir que ninguén quede atrás. A candidata ao Senado puxo en valor a revalorización das pensións conforme ao IPC, unha garantía legal que permite protexer o poder adquisitivo das persoas pensionistas fronte á evolución dos prezos.
Lembrou que en 2026 as pensións contributivas aumentaron un 2,7 %, mentres que as mínimas medraron máis dun 7 % e as pensións non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital incrementáronse un 11,4 %. Unhas medidas especialmente importantes para Ourense, onde 109.901 persoas perciben unha pensión contributiva e onde as pensións constitúen unha fonte fundamental de ingresos para moitos fogares.
Fernández Ojea defendeu tamén a importancia do escudo social e das políticas de igualdade, conciliación e coidados, subliñando que os avances sociais non se poden dar por garantidos. “As pensións son un dereito, non unha concesión. O PSOE garante que se actualicen conforme ao custo da vida, protexendo ás persoas maiores e ás familias que máis o necesitan. Non imos permitir que se volva a un modelo no que os pensionistas perdan poder adquisitivo e as persoas máis vulnerables queden desprotexidas”, afirmou.
A candidata socialista reivindicou igualmente a igualdade real entre mulleres e homes, a prevención da violencia machista e a necesidade de reforzar os recursos públicos para a conciliación e os coidados, especialmente no rural, onde as distancias e a dispersión territorial dificultan o acceso aos servizos.
O peche do mitin correu a cargo de Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia, que situou estas eleccións xerais como unha decisión entre avanzar en dereitos e conquistas sociais ou retroceder décadas. Laxe reivindicou o papel do PSOE como a forza política que representa a defensa dos dereitos sociais, a igualdade entre mulleres e homes, a diversidade territorial e os valores constitucionais.
Fronte a este modelo, advertiu dos riscos que representa a ultradereita de VOX, unha formación allea aos valores democráticos, marcada por posicionamentos xenófobos, discriminatorios e profundamente insolidarios. Neste sentido, contrapuxo dous modelos de sociedade. “Un que avanza en dereitos, igualdade, solidariedade e convivencia, e outro que pretende impoñer a discriminación, a intolerancia e a involución”.
González Laxe apelou á responsabilidade da cidadanía para defender todo o conquistado e non dar ningún paso atrás, subliñando que o PSOE representa unha garantía para seguir construíndo unha sociedade máis xusta, igualitaria e cohesionada. Así mesmo, chamou a reforzar a representación socialista nas institucións para defender os intereses de Galicia e de Ourense.

