O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA OS INVESTIMENTOS FERROVIARIOS “HISTÓRICOS” NA PROVINCIA FRONTE A UN PP QUE TAPIABA TÚNELES E FREOU A CHEGADA DA ALTA VELOCIDADE
A candidatura socialista ás Cortes Xerais reivindica os investimentos millonarios do Goberno de Pedro Sánchez para transformar o ferrocarril ourensán, modernizar as conexións e mellorar a seguridade, fronte á parálise e aos incumprimentos dos gobernos do Partido Popular
«Os 125,5 millóns de euros destinados ao tramo Taboadela-Seixalbo son unha mostra do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez. O PSOE non se limita a anunciar proxectos: mobiliza recursos e impulsa infraestruturas que van cambiar a capacidade e o funcionamento da rede ferroviaria», sinala Carmen R. Dacosta
María Fernández Ojea apunta que “celebramos os avances, pero non nos conformamos. O obxectivo ten que ser completar a Variante Exterior e garantir unha integración ferroviaria que responda ás necesidades reais de Ourense”
Ourense, 21 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reivindica a aposta sen precedentes do Goberno de Pedro Sánchez pola modernización ferroviaria da provincia, cunha batería de investimentos millonarios que están transformando as conexións, mellorando a seguridade e reforzando o papel de Ourense como nodo estratéxico da alta velocidade en Galicia. Fronte a un Partido Popular que, cando gobernaba, chegou a tapiar túneles e freou a chegada da alta velocidade, as e os socialistas destacan que “hoxe hai obras, investimentos e proxectos en marcha para saldar débedas históricas coa provincia”.
A candidatura socialista pon como exemplo máis destacado a Variante Exterior do AVE, unha infraestrutura estratéxica que conta cun investimento de 125,5 millóns de euros no tramo Taboadela-Seixalbo e que permitirá aumentar a capacidade ferroviaria, mellorar a fiabilidade das circulacións e reforzar a conexión con Madrid.
A candidata socialista ao Congreso, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que «hai unha diferenza moi clara entre o que fixo o PP cando gobernaba e o que está a facer o PSOE. Mentres os populares tapiaban túneles e poñían atrancos á chegada da alta velocidade, as e os socialistas estamos a investir, executar obras e modernizar o ferrocarril ourensán. Ourense necesita feitos e investimentos, non promesas nin escusas».
Dacosta considera que a Variante Exterior representa unha das actuacións fundamentais para o futuro ferroviario da provincia e destaca que «os 125,5 millóns de euros destinados ao tramo Taboadela-Seixalbo son unha mostra do compromiso do Goberno de Pedro Sánchez. O PSOE non se limita a anunciar proxectos: mobiliza recursos e impulsa infraestruturas que van cambiar a capacidade e o funcionamento da rede ferroviaria».






Unha nova variante con 7,9 quilómetros de plataforma, un túnel de 3,4 e grandez viadutos
A Variante Exterior contempla unha nova plataforma ferroviaria de aproximadamente 7,9 quilómetros nos dous subtramos actualmente desenvolvidos. O primeiro, entre Taboadela e o túnel de Rante, ten 5,6 quilómetros, mentres que o segundo, entre o túnel e a conexión con Seixalbo, alcanza os 2,3 quilómetros.
Entre as principais actuacións destaca o túnel de Rante, de 3,4 quilómetros, así como importantes estruturas como o viaduto sobre o río Mesón de Calvos e o viaduto de 356 metros sobre a OU-525 e o río Barbaña. A nova plataforma permitirá instalar unha dobre vía electrificada en ancho estándar, substituíndo o actual acceso ferroviario de vía única de tres fíos. Un cambio que permitirá incrementar a capacidade de circulación e mellorar a regularidade dos servizos.
En xuño de 2026 comunicouse a finalización da plataforma do tramo Taboadela-Túnel de Rante, mentres que a plataforma do tramo Túnel de Rante-Conexión Seixalbo xa estaba rematada. Agora cómpre completar actuacións fundamentais como a montaxe de vía, a electrificación, a sinalización, as comunicacións e as probas de seguridade.
Ourense precisa máis tren, mellores conexións e un ferrocarril á altura do que merecen os ourensáns e as ourensás
Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, pon o acento na importancia estratéxica desta infraestrutura para o conxunto da provincia e reivindica a necesidade de seguir avanzando ata completar a integración ferroviaria.
«Non estamos ante unha obra menor. Estamos a falar dun túnel de máis de tres quilómetros, de grandes viadutos e dunha nova plataforma ferroviaria que permitirá incorporar a dobre vía electrificada. É un investimento moi importante que terá consecuencias directas na capacidade e no funcionamento da alta velocidade», afirma.
Fernández Ojea lembra que o trazado completo inicialmente previsto alcanza os 16,28 quilómetros e que a continuidade desde Seixalbo ata a estación de Ourense, cos subtramos restantes, continúa sendo unha cuestión pendente. «Celebramos os avances, pero non nos conformamos. O obxectivo ten que ser completar a Variante Exterior e garantir unha integración ferroviaria que responda ás necesidades reais de Ourense. Queremos máis capacidade, máis fiabilidade, mellores frecuencias e conexións á altura do que merece a nosa provincia», engade.
Unha aposta ferroviaria que vai moito máis alá da Variante Exterior. Máis de 900 millóns en actuacións.
O PSdeG-PSOE destaca que a Variante Exterior forma parte dun conxunto moito máis amplo de investimentos do Goberno de España para modernizar as comunicacións ferroviarias da provincia, mellorar a seguridade e recuperar infraestruturas históricas.
Entre estas actuacións sobresae o futuro Centro de Control Ferroviario do Noroeste de España, cun investimento de 14,7 millóns de euros, actualmente en execución e próximo ao seu remate. O proxecto permitirá darlle unha nova vida á antiga estación ferroviaria de San Francisco, converténdoa nunha instalación estratéxica para a xestión e o control da rede ferroviaria do noroeste peninsular.
A esta actuación súmanse os 63 millóns de euros destinados á implantación do sistema ERTMS, que reforzará a seguridade na liña ferroviaria entre Ourense e Madrid; así como os 550 millóns previstos para a conexión e electrificación do ferrocarril convencional Lugo-Ourense-Monforte. Neste último proxecto xa se executaron varios tramos e actualmente está en redacción o correspondente a Monforte-Covas.
A modernización ferroviaria tamén chega á mobilidade urbana, con 2,1 millóns de euros para a ampliación dos pasos inferiores de Ramón Puga e Tarascón, unha intervención que permitirá mellorar a seguridade e os desprazamentos tanto de vehículos como de peóns. Ademais, destínanse outros 49 millóns de euros á renovación da liña ferroviaria Ourense-Vigo, unha actuación fundamental para modernizar as conexións e mellorar o servizo ferroviario entre ambas as cidades. Sen esquecer os 115 millóns de euros para a estación intermodal de Ourense.
Carmen Rodríguez Dacosta e María Fernández Ojea consideran que «este conxunto de actuacións demostra que o compromiso do PSOE con Ourense vai moito máis alá dunha infraestrutura concreta. Estamos falando de modernizar a alta velocidade, reforzar o tren convencional, mellorar a seguridade, recuperar a estación de San Francisco e investir tamén na mobilidade da propia cidade».
A candidatura socialista conclúe que «fronte aos que no pasado tapiaban túneles e deixaban Ourense agardando pola alta velocidade, o PSOE está a poñer sobre a mesa investimentos e obras que preparan a provincia para o futuro. Ourense merece un ferrocarril moderno, seguro e con conexións de calidade. E o Goberno de Pedro Sánchez está a demostrar con feitos que aposta por esta provincia».

