25N Concello de Ourense Igualdade

Denunciamos que o goberno municipal suprime o Consello Municipal de Igualdade en vésperas do 25N

Ademais, denuncian que o executivo municipal descarta ampliar a curto prazo o programa Xantar na Casa, malia a existencia de lista de agarda, e continúa sen avances no proxecto do rueiro feminino

En Ourense, a 24 de novembro de 2026. As edís do grupo socialista no Concello de Ourense sinalan que o goberno municipal prescinde do Consello Municipal de Igualdade, tal e como trasladou a concelleira responsable na Xunta de Área de Servizos Sociais celebrada esta mañá, argumentando unha suposta falta de participación e instando aos grupos municipais a trasladar as súas achegas por outras vías para seren estudadas.

Unha decisión que se coñece precisamente en vésperas do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e para cuxa conmemoración xa non foi convocado este órgano de participación.

A voceira do PSOE e candidata á Alcaldía, Natalia González, reclama ao goberno municipal que rectifique de maneira urxente e se comprometa a manter, fortalecer e dotar de contido este órgano fundamental de participación nun momento histórico tan importante para Ourense e para o conxunto do país. «Non se pode privar de participación ás organizacións políticas, aos colectivos feministas, ás organizacións sindicais e ao tecido asociativo da cidade, cuxa colaboración e consenso son fundamentais para seguir avanzando en igualdade e na loita contra a lacra da violencia machista na nosa cidade», defende.

A socialista lembra que o Consello Municipal de Igualdade foi un espazo de encontro e consenso para avances tan importantes como o proxecto do rueiro feminino; a organización, da man das traballadoras municipais, da programación das principais datas reivindicativas do ano ou a xestión dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e dos procedentes da administración autonómica.

«A falta de participación non se resolve eliminando os órganos de participación, senón fortalecéndoos, ampliándoos e dotándoos de contido. Non podemos permitirnos este retroceso deliberado, amparado en argumentos que non se sosteñen, tal e como lle trasladamos hoxe á concelleira responsable. É un erro gravísimo que esiximos que se corrixa. Na defensa da igualdade e na loita contra a violencia machista, nin un paso atrás», afirma González.

O grupo municipal socialista tamén reclamou unha solución urxente ante a baixa da psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), fronte á resposta do executivo municipal de derivar as usuarias a outros recursos asistenciais.

Así mesmo, as socialistas lamentan a ausencia de avances no proxecto do rueiro feminino, máis alá do acto de recoñecemento ás irmás Touza previsto para esta mesma xornada.

Por outra banda, durante a Xunta de Área, o goberno municipal confirmou que non ten previsto ampliar a curto prazo o programa Xantar na Casa, que conta con 100 prazas cubertas e 12 persoas en lista de agarda, segundo os datos facilitados a 9 de novembro. E dende o PSOE insisten na necesidade de ampliar este servizo en, cando menos, 50 novas prazas de cara a 2027, atendendo á elevada demanda existente e co obxectivo de non deixar a ninguén sen este recurso.

As socialistas avanzan tamén que presentarán achegas ao regulamento do Fogar do Transeúnte, cuxo expediente se iniciou o pasado 17 de novembro, e que participarán activamente no Consello Municipal de Servizos Sociais para contribuír a resolver os problemas históricos que arrastra Ourense na xestión das bolsas de libros e comedor escolar, reclamando que a convocatoria se publique antes de finalizar o ano.