29N Eleccións Xerais 2026 vivenda

Apostamos pola vivenda pública para que Ourense teña máis oportunidades

O PSDEG-PSOE DE OURENSE APOSTA POLA VIVENDA PÚBLICA PARA QUE OURENSE TEÑA MÁIS OPORTUNIDADES, PREZOS ACCESIBLES E FUTURO PARA A SÚA XENTE

A candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense destaca o financiamento previsto para ampliar o parque público, impulsar o alugueiro accesible e facilitar o acceso á vivenda da mocidade e das familias

“O acceso á vivenda é un dos grandes problemas da sociedade actual. Por iso é fundamental que as administracións mobilicen recursos, impulsen novas promocións públicas e garantan que a vivenda sexa accesible para a mocidade e para as familias”, sinala Brian Diz González

“A vivenda é fundamental para que a mocidade poida emanciparse, desenvolver o seu proxecto de vida e decidir onde quere vivir. Necesitamos máis vivenda pública, máis alugueiro accesible e políticas que respondan ás dificultades reais das persoas”, destaca María Fernández Ojea

“Mentres toda a sociedade está falando de que unha das súas principais preocupacións é o acceso á vivenda a prezos asequibles, o Goberno do Partido Popular na Deputación decide suprimir de golpe os recursos que tiñan os concellos para comprar ou construír vivendas”, denuncia Álvaro Vila

Ourense, 26 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca a aposta do Goberno de España polo acceso á vivenda a través do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030, dotado con 7.000 millóns de euros, e reclama que este financiamento se traduza en novas promocións públicas, alugueiros accesibles e oportunidades reais para a mocidade e as familias da provincia. Lembran que as competencias son das Comunidades Autónomas e que no caso do PP os fondos chegan do Estado, pero non se traducen en novas vivendas públicas polos impedimentos de Feijóo e Rueda.

As e os socialistas subliñan que o acceso á vivenda converteuse nun dos principais retos sociais e económicos, especialmente para a mocidade, que afronta dificultades para emanciparse, e para as familias que destinan unha parte importante dos seus ingresos ao alugueiro ou á compra dunha vivenda.

O Plan Estatal de Vivenda contempla unha achega prevista de 4.200 millóns de euros por parte do Estado e outros 2.800 millóns das comunidades autónomas. Galicia conta cunha previsión de 399 millóns de euros no conxunto do plan, dos que 239,4 millóns corresponden á achega estatal. A distribución dos fondos establece que, como mínimo, o 40 % se destine á construción e adquisición de vivendas, o 30 % á rehabilitación e o 30 % restante á protección dos colectivos e territorios con maiores necesidades.

O plan incorpora tamén mecanismos para garantir a protección permanente das vivendas financiadas con recursos públicos e un sistema público de información que permita mellorar a transparencia sobre as actuacións e os resultados.

A vivenda ten que ser un dereito e non un privilexio

O candidato socialista ao Congreso, Brian Diz González, destacou que o Goberno de España está mobilizando recursos públicos para incrementar o parque de vivenda e facilitar o acceso a unha casa digna, especialmente para as persoas que teñen máis dificultades. “O acceso á vivenda é un dos grandes problemas da sociedade actual. Por iso é fundamental que as administracións mobilicen recursos, impulsen novas promocións públicas e garantan que a vivenda sexa accesible para a mocidade e para as familias”, sinalou.

Diz González puxo en valor os 7.000 millóns de euros do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 e a previsión de 399 millóns para Galicia, destacando que este financiamento representa unha oportunidade para incrementar o parque público de vivenda na provincia de Ourense.

O candidato reivindicou tamén a necesidade de que os recursos se traduzan en actuacións concretas e executadas, con promocións identificadas, prazos definidos e vivendas efectivamente dispoñibles para a cidadanía. “Non chega con anunciar fondos. O importante é que eses recursos se convertan en vivendas construídas, en alugueiros accesibles e en solucións para as persoas que hoxe teñen dificultades para acceder a unha casa. A política de vivenda debe medirse polos resultados”, afirmou.

A mocidade necesita oportunidades reais para emanciparse

Pola súa banda, a candidata socialista ao Senado, María Fernández Ojea, destacou a importancia de desenvolver políticas públicas que permitan á mocidade acceder a unha vivenda e construír o seu proxecto de vida, tamén na provincia de Ourense.

Fernández Ojea incidiu en que a falta de vivenda accesible condiciona a emancipación das novas xeracións e limita as posibilidades de que moitos mozos e mozas permanezan nos seus municipios. “A vivenda é fundamental para que a mocidade poida emanciparse, desenvolver o seu proxecto de vida e decidir onde quere vivir. Necesitamos máis vivenda pública, máis alugueiro accesible e políticas que respondan ás dificultades reais das persoas”, destacou.

A candidata ao Senado subliñou que o Plan Estatal de Vivenda contempla recursos para a construción, adquisición e rehabilitación de vivendas, así como para apoiar os colectivos con maiores dificultades de acceso.

Tamén apuntou á importancia da colaboración entre administracións para que o financiamento estatal poida materializarse en promocións concretas en Ourense, mediante a dispoñibilidade de solo, a planificación urbanística e a execución dos proxectos.

O reto de ampliar o parque público de vivenda en Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que a provincia necesita incrementar o número de vivendas públicas e protexidas dispoñibles, especialmente diante das dificultades de acceso que afrontan a mocidade e as familias con menos recursos. As e os socialistas lembran que, entre 2012 e 2022, durante a etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, apenas se construíu vivenda pública na provincia de Ourense, e sinalaron a falta de novas promocións materializadas nos últimos anos.

Neste contexto, defenderon a importancia de aproveitar os recursos previstos no Plan Estatal de Vivenda para impulsar novas actuacións na provincia, garantindo que o financiamento se traduza en vivendas efectivamente construídas e dispoñibles. O Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiou tamén a creación de 75 vivendas de alugueiro social en Galicia, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros, unha actuación que contribúe a ampliar a oferta de vivenda destinada ás persoas con maiores dificultades económicas.

A política de vivenda require, ademais do financiamento, dispoñibilidade de solo, planificación urbanística e coordinación entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia e os concellos para que as actuacións poidan executarse e chegar á cidadanía.

O PSdeG-PSOE de Ourense defende a necesidade de continuar impulsando políticas públicas que permitan ampliar o parque de vivenda, incrementar a oferta de alugueiro accesible e garantir que os recursos destinados a esta materia se traduzan en solucións concretas para as persoas que necesitan acceder a unha casa.

O PP elimina da Deputación os fondos para a compra e construción de vivenda nos concellos

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, denuncia tamén a decisión do Goberno provincial do Partido Popular de eliminar dos orzamentos da Deputación para 2027 a partida destinada a apoiar os concellos na compra ou construción de vivendas. Vila Araújo explicou que esta decisión foi posta de manifesto no debate dos orzamentos celebrado na correspondente comisión, onde se constatou que a partida pasa dos 1.500.000 euros existentes a cero euros para o próximo exercicio.

“Mentres toda a sociedade está falando de que unha das súas principais preocupacións é o acceso á vivenda a prezos asequibles, o Goberno do Partido Popular na Deputación decide suprimir de golpe os recursos que tiñan os concellos para comprar ou construír vivendas. Pasamos de contar cunha partida de 1.500.000 euros a non ter absolutamente nada”, sinala.

O secretario provincial considera que esta decisión evidencia a falta de compromiso do PP cun dos principais problemas que afronta a cidadanía, especialmente a mocidade e as familias con maiores dificultades económicas. “Isto é o que podemos esperar do Partido Popular para solucionar o problema do acceso á vivenda: absolutamente nada. Mentres o PSOE defende mobilizar recursos públicos, ampliar o parque de vivenda e facilitar o acceso a prezos accesibles, o PP elimina os fondos que permitían aos concellos impulsar actuacións neste ámbito”, afirma.

Vila Araújo contrapón así a aposta do Goberno de España polo financiamento das políticas públicas de vivenda coa decisión do PP na Deputación de Ourense, que deixa os concellos sen unha ferramenta económica fundamental para dar resposta ás necesidades habitacionais da veciñanza.