O PSDEG-PSOE DE OURENSE SÚMASE Á CAMPAÑA REIVIDICACIÓN DUNHA LIÑA DE ALTA VELOCIDADE DIRECTA ENTRE AS PROVINCIAS DE PONTEVEDRA E OURENSE
A falta desta conexión directa provocaría a rocambolesca situación na que un tren de alta velocidade empregaría mais tempo en viaxar entre Vigo e Ourense que un coche pola autoestrada
Os socialistas ourensáns acudiron hoxe ó concerto reivindicativo organizado en Vigo e tamén van iniciar unha batería de accións para defender a obra e evitar a marxinación das dúas provincias
Vigo/Ourense, 14 de xuño de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense súmase dende hoxe á campaña pública que reclama a construción dunha liña de alta velocidade directa entre as provincias de Pontevedra e Ourense. E, por iso, deputados e deputadas provinciais ourensáns acudiron hoxe ó concerto reivindicativo organizado polo Concello de Vigo e apoiado pola Deputación de Pontevedra.
Esta nova liña de alta velocidade permitiría conectar, cunha traza ferroviaria moderna e eficiente, a 1,3 millóns de persoas, unindo a primeira cidade e a maior área metropolitana de Galicia (Vigo-Pontevedra) coa terceira cidade da comunidade. Asimesmo, conectaría ás 950.000 persoas que residen na provincia de Pontevedra co resto de España, sustituíndo o vello trazado construído hai 150 anos seguindo o revirado curso do río Miño. Se non se constrúe esta nova conexión, a provincia de Pontevedra sería a única provincia do Estado da súa entidade económica e demográfica sen acceso directo mediante alta velocidade provocando ademais situacións rocambolescas como:
– Un tren de alta velocidade empregaría mais tempo en realizar a viaxe entre Ourense e Vigo que un coche pola autoestrada, xa que debería realizar un absurdo rodeo en sentido contrario por Santiago.
– A viaxe entre Madrid e Vigo ocuparía mais de 3 horas e 30 minutos, non sendo nin eficiente nin competitivo fronte ó transporte aéreo.
Os socialistas ourensáns consideran fundamental para o futuro unha nova conexión entre Pontevedra e Ourense que sirva para manter e impulsar o desenvolvemento económico e demográfico de dúas provincias histórica unidas e, por iso, van iniciar unha batería de accións públicas e privadas coas que defender a construción desta imprescindible obra ferroviaria.