SERVIZOS PÚBLICOS

Os parques de bombeiros comarcais de xestión privada son unha absoluta “oportunidade perdida”

O PSDEG-PSOE CUALIFICA DE “OPORTUNIDADE PERDIDA” QUE O PARQUE DE BOMBEIROS COMARCAL O CARBALLIÑO-RIBEIRO NON SEXA DE XESTIÓN PÚBLICA

Os socialistas sempre defenderon a xestión directa do Parque comarcal, privatizado a pesar de ser construído na súa totalidade con diñeiro público e o 20% aportado polos concellos da bisbarra

Despois de que pasaran anos sen servizo de emerxencias, Xunta e Deputación entregan a xestión a unha empresa privada entre sospeitas de beneficiar ó entorno político e familiar do PP

Ourense, 3 de xuño de 2017. O pasado xoves produciuse a tan ansiada apertura do parque comarcal de bombeiros pertencente ó Consorcio Provincial de Ourense para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento. Despois de anos de promesas incumpridas de apertura e posta en funcionamento, que normalmente coincidían coa época electoral, comeza a andar un servizo non exento de polémica. A pesares da loita sostida polos sindicatos e profesionais do gremio, apoiadas pola acción política do Partido Socialista, o servizo foi privatizado por parte da Xunta e Deputación o que xa ocasionou numerosos problemas no que á contratación se refire. Segundo denunciaron os profesionais que se presentaron á selección da empresa adxudicataria, cometéronse varias irregularidades tales probas a porta pechada onde só poden acceder participantes, tempos adulterados, exclusións inxustificadas, vulneracións do principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade, etc.

O que se veu denunciando non é máis que a consecuencia, sinalan dende o Grupo Provincial Socialista, da privatización dun servizo que debera ser público e que, de seguro, acarreará numerosas consecuencias no que á seguridade xurídica,calidade e eficiencia se refire. Tal como sempre defendeu Francisco Fraga, portavoz socialista na Deputación: “As experiencias previas de externalización dos servizos de emerxencias e parques de bombeiros xa nos indicaban que acaban por ser máis custosas para o erario público, menos respectuosas cos dereitos laborais dos profesionais, menos eficientes no servizo prestado e máis escurantistas nos seus procesos, priorizando o beneficio das empresas ás que se lle adxudica o servizo”. “Pola contra, os parques que seguiron sendo de titularidade pública coma o do Deza, son exemplo de bo facer e de manter os custos nunhas marxes asumibles para a administración, sendo exemplo para outras deputacións que están facendo o camiño de retorno para volver á xestión pública. En Ourense tivemos unha marabillosa oportunidade perdida, pola obcecación do PP de privatizar todo canto se lle poña diante”, conclúe o portavoz.

No caso do parque do Carballiño-Ribeiro que acaba de abrir, ademais de sucumbir a un proceso pragado de pouca ou nula transparencia, é máis grave se cabe esta rendición sen condicións ós intereses privados dunha empresa. Os socialistas recordan que os concellos das dúas comarcas fixeron achegas económicas moi sustanciosas para sufragar a súa posta en marcha, en torno a un 20% do custo total do parque, para ver como se lle entrega a unha empresa sen valorar a posibilidade de facer unha xestión directa do mesmo. A pesares da mobilización levada a cabo por estes concellos en maio do ano pasado, a Xunta e maila Deputación de Ourense non variaron en nada o seu posicionamento encamiñado a privatizar como fose un servizo e un parque tan custoso para os petos dos cidadáns e cidadás.

Dende o PSOE denuncian que xa daquelas se amosara un nulo respecto polo esforzo económico realizado por todos os Concellos do Carballiño e do Ribeiro, posto que houbo que aturar o deterioro imparable das instalacións, comidas pola maleza, polos toxos e a ferruxe, o paso de tempo sobre materiais e dotacións e outras eivas incomprensibles nunha edificación deste tipo, mentres se seguían pagando seguros por vehículos sen usar. O despilfarro e desleixo ocasionado nestes anos de espera tivo como colofón a externalización dun servizo fundamental para a seguridade da cidadanía. Así mesmo, os socialistas inciden en que estarán vixiantes sobre desenvolvemento do traballo realizado pola empresa posto que, xa dende o inicio, tanto pola falta de transparencia como polo proceso de selección dan pistas do proceder da adxudicataria. “Non é menor que, pese á aparencia de ser un proceso público, se escoitaran advertencias sobre a suposta concorrencia e posterior contratación de persoas vencelladas ó entorno político e familiar do Partido Popular de Ourense, o que xa sería o colofón a un proceso desafortunado dende o primeiro intre”, remata Fraga Civeira.

 

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s