OS SOCIALISTAS RECLAMAN ÓS CONCELLOS DO PP ADHERIDOS Á REDE PROVINCIAL DE CANCEIRAS QUE “ESPABILEN” PORQUE A SÚA PARSIMONIA ESTÁ A FREAR MELLORAS NO SERVIZO
Os socialistas reclámanlle ós concellos do PP adheridos á rede provincial de canceiras que, dunha vez por todas, se poñan a traballar e espabilen, xa que a súa parsimonia está a frear melloras e inversións no servizo. E que, trala adhesión de novos concellos, a comisión de seguemento do convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os municipios da rede non poden reunirse porque os concellos do PP aínda non se puxeron de acordo para designar ós seus representantes.
A última reunión da comisión tivo lugar hai mais dun ano e nela acordáronse, entre outros asuntos, a realización dunha campaña de identificación de animais ou a compensación dos investimentos municipais nas instalacións. As novas melloras necesarias levan tempo en punto morto, unha situación que ten moi preocupados ós responsables dos concellos da rede.
Durante o último pleno provincial e, tamén, en comisións, tras ser preguntado polo Grupo Provincial Socialista, o deputado do PP, Pablo Pérez, explicou que xa remitiron hai tempo ós concellos a documentación para nomear representantes pero “entre empates, entre que algúns concellos responderon e outros non responderon pois non se puido convocar aínda”. Pérez incluso relatou que “algún concello se despistou ao votar” para elixir representantes. O PSdeG-PSOE critica que as liortas internas do PP teñan o servizo a velas vir e os animais agardando melloras e investimentos.
O deputado, Miguel Bautista, esíxelle o PP que “se deixe de desculpas baratas e que se poña a traballar para desatascar a reunión”. “Pablo Pérez enrédase en medias verdades e desculpas baratas para tapar a inoperancia do PP metres seguimos a esperar esta reunión de traballo. “O deputado do Partido Popular ten que encargarse de realizar as tarefas que ten asignadas, asumir as súas responsabilidades, e deixar de perder o tempo con escusas que se veñen repetindo nos últimos anos unha e outra vez”, insiste.
A rede provincial de canceiras de Ourense está formada por catro canceiras nas comarcas de Valdeorras, O Carballiño, A Limia e Baixa Limia, que prestan servizo a 68 concellos que pagan, anualmente, un euro por habitante. Este rede da que dependen, de media anual, medio milleiro de seres vivos, presta servizos de recollida de animais abandonados; de entrega de animais cuxos propietarios non poden facerse cargo e de adopción.
Canceira de Melón pechada
Ó marxe da parálise da comisión de seguemento do convenio marco de cooperación entre a Deputación de Ourense e os municipios, os socialistas recordan que o plan provincial recollía a posta en funcionamento de cinco canceiras en toda a provincia e, segundo isto, tamén se construíu, entre os anos 2010 e 2011, unha canceira no Concello de Melón que actualmente segue pechada e sen viso algún de ser aberta o que pon de manifesto, unha vez mais, a absoluta falta de rigor do PP na xestión dos servizos públicos.

