POLÍTICA PROVINCIAL recortes

PSOE e BNG denuncian que Baltar propón unha rebaixa de 500.000 € para obras municipais

Baltar reduce en medio millón de euros o investimento en obras e servizos

PSOE E BNG DENUNCIAN A AGRESIÓN CONSTANTE ÓS CONCELLOS OURENSÁNS POR PARTE DA DEPUTACIÓN MEDIANTE A REDUCIÓN DE MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA OBRAS E SERVIZOS 

Os alcaldes socialistas e nacionalistas voltan reclamar, ás portas da Deputación, un trato xusto por parte de Baltar, quen prefire gastar os cartos en campañas de imaxe que en financiar os concellos

 O PP vai aprobar unha redución de 7.000€ por concello e endurece os requisitos para que sexa imposible que os municipios contraten empresas locais para executar as obras municipais

Ourense, 25 de setembro de 2017. O ataque frontal de Baltar e o seu goberno á autonomía municipal non ten fin e dous meses despois de que os grupos da oposición e os alcaldes e alcaldesas socialistas e nacionalistas reclamasen a posta en marcha dun plan único de reparto de recursos provinciais; os populares sorprenden levando a pleno un plan de cooperación cos concellos que reduce en medio millón de Euros o investimento en obras e servizos. Reunidos de novo ás portas do pazo provincial, os rexedores da provincia e mailos portavoces do PSdeG e do BNG na Deputación, reclaman que se paralice a aprobación dunhas bases de cooperación que deixan ós concellos con 48.000 Euros de achega provincial fronte aos 55.000 do ano pasado. Tal como destacou Francisco Fraga, portavoz do PSOE na institución provincial: “Aquí, por moita propaganda que queira facer Baltar, segue imperando o reparto caciquil e clientelar de fondos. En resumo, as deputacións que deben ser entidades de axuda ós concellos, vemos como na de Ourense seguen consumindo os seus fondos e recursos en campañas de propaganda, de auto-bombo e en propaganda de imaxe do seu presidente, que en nada repercuten na xente desta provincia”.

Deste xeito, a oposición na Deputación amósase en pé de loita contra o agravio constante ó que o PP somete ós concellos, ademais das discriminacións efectuadas de xeito discrecional contra os alcaldes e alcaldesas de distinto signo político. Sobre isto, o alcalde o Barco e presidente da FEGAMP, Alfredo García opina que: “Parece ser que, a pesares de que os concellos de menos de 20.000 habitantes representamos á metade da poboación da provincia, a Deputación non quere saber nada, vai por libre e pasan de implementar as medidas que se están levando a cabo no resto das deputacións galegas para procurar un reparto equitativo. Tampouco queren saber nada dos acordos que saíron da comisión de expertos da FEGAMP e coinciden, en moito, cos que saíron da FEMP e non só non fan un plan de obras e servizos en condicións senón que reducen as achegas dos 55.000€ que nos daban o ano pasado ós 48.000€ cos que nos atopamos este ano. A promesa de que ía subir ata os 60.000 euros neste mandato, queda en nada e baixa ata os 48.000, o que afecta gravemente ó financiamento municipal mentres Baltar segue a financiar cuestións para as que non ten competencias a Deputación provincial”. Tanto os rexedores socialistas coma os nacionalistas, destacan, ademais o feito de que nas novas bases de cooperación que van ser propostas no vindeiro pleno do venres; inclúese un novo requisito que supón un ataque frontal contra a autonomía municipal. Ata o de agora os concellos que realizasen achegas complementarias por importe superior ó 50% do financiamento comprometido pola deputación provincial para execución material das obras podían solicitar a delegación para a contratación e adxudicación da obra en cuestión, podendo privilexiar a escolla entre empresas locais e favorecer o emprego.

Coa reforma das bases, o goberno de Baltar ponllo aínda máis complicado ós concellos, ó lle reclamar que poñan o 100% en forma de achega complementaria se queren adxudicar eles propios as obras, en caso contrario, será a propia deputación a que contrate con quen mellor lle conveña. Con esta nova esixencia, saben que a meirande parte dos concellos da provincia non poden facer fronte a esta achega e, polo tanto, adxudicarán as obras ás empresas que sempre levan todos os concursos, impedindo que as empresas locais poidan optar a facerse co contrato. A este respecto, o alcalde de Allariz, Paco García destacou que: “a principal razón da existencia das deputacións provinciais é precisamente financiar obras e servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes, algo co que esta institución non cumpre. Os concellos de Ourense non só sufrimos unha discriminación fronte ao resto dos do Estado polos fondos que recibimos deste senón unha dobre discriminación fronte ó resto de concellos galegos, que teñen un apoio moito maior por parte das deputacións provinciais. Hai casos de concellos de 5.000-6.000 habitantes, coma Allariz, que perciben unha media de 500.000€ mentres que aquí non existe ningunha razón para que a achega, xa de por si ridícula, se reduza ata termos irrisorios. Polo que seguiremos reclamando, tanto nos plenos dos concellos coma no debate dos orzamentos que non se persista nesta clara discriminación”.