AGRO INICIATIVAS

Visitamos ós afectados pola seca fronte a ‘solución’ de Baltar: sofá e café

O PSDEG-PSOE DA DEPUTACIÓN ESIXE, A PÉ DE CAMPO, AXUDAS INMEDIATAS PARA A GRAVÍSIMA SECA FRONTE AS SOLUCIÓNS DE SOFÁ, PASTAS E TÉ DE BALTAR

Xoán González denuncia estar “desesperado” porque a Administración galega ten ós gandeiros “abandonados” e María Páez, responsable de UUAA, asegura que a Xunta “se burla da nosa desgracia”

O portavoz provincial socialista, Francisco Fraga, recorda que o PSdeG-PSOE xa pedira medidas fronte a seca hai meses e anuncia que van reclamar novamente axudas inmediatas nas administracións

Ourense/Viana do Bolo, 6 de outubro de 2017. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense esixe, a pé de campo, axudas inmediatas para a gravísima seca que arrasa o agro, fronte as solucións de sofá, pastas e té de Baltar. Os socialistas, que xa reclamaron no pleno provincial do mes de xuño un plan de axudas ante a falta de chuvia que foi vergoñentamente rexeitado polo Partido Popular, visitaron hoxe novamente a gandeiros e agricultores da comarca de Viana –unha das máis afectadas– para actualizar as demandas e necesidades dun sector fundamental para a economía galega. Os socialistas mantiveron un encontro con representantes de Unións Agrarias (UUAA), visitaron as explotacións máis prexudicadas e cargaron contra Manuel Baltar que, ata o de agora, o único que fixo para frear a seca foi facerse fotos á hora do té nos sofás da Deputación.

Reunion Baltar CHMS seca

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, critica a “inoperancia” do PP ante unha cuestión “fundamental que lle está a explotar na cara ós produtores afectados”. “É necesaria a implicación da administración. Imos reclamar medidas que pasan por axudas inmediatas na Xunta de Galicia e na Deputación Provincial. Non é capricho porque se o gando nin come nin bebe, morre”, asevera. Fraga recorda que “isto non admite espera” e que non abonda con facer estudos ou proclamas de propaganda: “Xa lle advertirmos ó PP hai meses no pleno deste desastre e pasaron da nosa proposta pero, o que é mais grave, pasaron tamén dos afectados e dos animais”. “Non pode agardar máis”, insiste Fraga.

Tamén participaron na visita o alcalde de Petín e deputado, Miguel Bautista, que xa denunciou a situación no pleno provincial hai meses, reclamando medidas que o PP negou co seu rolete da maioría, e o tenente de alcalde de Viana, Santiago Barja. Os afectados expresaron a súa máxima preocupación pola ausencia de solucións dos conservadores dende as administración que controla, como a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia ou o Goberno central. O xoven gandeiro, Xoán González, explicou que “a situación é desesperante”. “Para manternos imos ter que pedir un crédito co que comprar forraxe. A Xunta tennos abandonados. No se presentou aquí ningún cargo a preocuparse e como isto siga así non sabemos que imos facer”. “O futuro preséntase moi negro e arrepíntome de incorporarme a esta actividade a pesar de que sempre quixen facer vida no rural. Están acabando con nós”, asegurou, contundentemente, o mozo. María Páez, responsable comarcal de UUAA, detallou que “hai xente que xa non ten nada para dar de comer ós animais”. “É unha situación desesperante”, insistiu. “A Administración non é que non afronte o problema; e que inda encima se burla da nosa desgracia. Non pode saír o presidente da Xunta a dicir que vai adiantar a PAC porque é mentira”.