PATRIMONIO

Menos lacazanear e máis traballar pola Ribeira Sacra

O PSDEG-PSOE ESIXE A NÚÑEZ FEIJÓO MENOS LACAZANEAR E MÁIS TRABALLAR PARA REMATAR DUNHA VEZ A DECLARACIÓN DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE                                                                       

O portavoz, Francisco Fraga, congratúlase de que “se de un paso que parece definitivo” pero advirte de que estarán “moi vixiantes” posto que “non vimos expedientes e estamos fartos de anuncios de Feijóo”

Fraga reclama que os portavoces da oposición da Deputación sexan convidados á reunión co conselleiro do vindeiro mércores posto que foron os socialistas os que denunciaron a parálise do procedemento

Ourense, 22 de setembro de 2017. Menos lacazanear e máis traballar. Iso é o que esixe o PSdG-PSOE ó presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que onte e tras vergonzosos atrasos e paralizacións durante anos, tivo a ousadía de presumir do “bo traballo” feito polo seu goberno para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Ribeira Sacra, paso previo para a tramitación como Patrimonio da Humanidade. Os socialistas recordan que Núñez Feijóo, Baltar e o PP deberían “agachar a cabeza e evitar calquera autoloubanza” posto que o expediente leva estancado case tres anos na Administración autonómica de Galicia, atraso que engrosa os 17 anos que a Ribeira Sacra leva embarullada na lista indicativa de bens e sitios excepcionais propostos para ser declarados Patrimonio da Humanidade, sendo a entrada máis antiga da listaxe de España.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE en Ourense, Francisco Fraga, congratúlase de que “por fin se de un paso que parece definitivo para impulsar a tramitación do BIC”, pero advirte de que os socialistas estarán “moi vixiantes” posto que “polo de agora o único que vimos foi un anuncio máis de Feijóo e mensaxes nas redes sociais de Baltar, pero expedientes e papeis nin o primeiro”. “Estamos fartos de escoitar e sufrir estes anuncios propagandísticos do PP e temémonos que o anuncio de onte do presidente da Xunta de Galicia poida ser un capítulo máis desta serie de humor negro que é a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade”, explica Fraga. “Tamén solicitaremos unha campaña informativa que chegue á totalidade dos veciños e veciñas posto que, polo de agora, teñen cero información do asunto”, sinala.

O portavoz recorda que foron os socialistas os que alertaron do encallamento do procedemento, mediante o impulso de iniciativas e mocións nas deputacións e nos concellos da Ribeira Sacra das provincias de Ourense e Lugo. E, por iso, reclama que os portavoces da oposición na Deputación de Ourense sexan convidados á reunión que alcaldes e presidentes dos entes provinciais van manter coa Xunta o vindeiro mércores para tratar o asunto. “A nosa presencia é fundamental nese encontro posto que estudamos a situación polo miudo durante semanas, informamos ós afectados e rescatamos a declaración do ostracismo á que a tiñan sometida o PP. Representamos a moitos dos concellos da contarna e a metade da provincia”, asegura Fraga.

Durante os últimos meses, os socialistas ourensáns denunciaron “intereses escuros” para adiar a declaración da Unesco. Ademais do parón que o asunto sufriu durante tres lustros e dos atrasos nos informes técnicos na Xunta, sucedéronse feitos que destaparon a actitude pasota do PP. No hai mas que recordar que o Goberno galego non respondeu á Valedora do Pobo tras rexeitar o informe técnico por estar incompleto; que PP non acudiu ó encontro proposto pola Deputación de Lugo en 2016 para axilizar o proceso ou, incluso, ó escoitar o anterior titular do Valedor do Pobo denunciar ‘desinterese’ por parte das partes implicadas.

O pasado mes de marzo, o pleno da Deputación de Ourense aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG-PSOE na que se reclamaba esixir á Xunta o inmediato remate dos trámites pendentes para a declaración como Ben de Interese Cultural e o inicio das xestións ante o Ministerio de Cultura para a declaración como Patrimonio da Humanidade, así como instar ó Goberno de España á axilización dos trámites da súa competencia. O texto tamén reclamaba á actual titular do Valedor do Pobo un informe urxente sobre os atrasos sufridos o documento que coordina.