Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Miles de euros en toallas da ourensanía pero cero euros en axudas pola seca

BALTAR GASTA DECENAS DE MILES DE EUROS EN TOALLAS PROPAGANDÍSTICAS DA OURENSANÍA MENTRES NEGA AXUDAS ÓS AFECTADOS POLA SECA NA PROVINCIA

A Deputación de Ourense leva gastados durante os últimos meses, como mínimo, 42.000 euros públicos en materiais de propaganda que sempre encarga ó mesmo empresario con contratos menores

Francisco Fraga califica o gasto coma un “dispendio absolutamente innecesario” que evidencia a “vergonzosa ourensanía de postureo xa que Baltar prefire regalar toallas antes que axudas pola seca”

Ourense, 12 de setembro de 2017. A Deputación de Ourense gastou 10.454 euros en 1.800 toallas co logotipo da ‘ourensanía’ que está a entregar discrecionalmente e de balde nas instalacións do pazo dos deportes Paco Paz. As toallas pagadas cos cartos de todos e todas os ourensáns foron encargadas, segundo a documentación do expediente, porque “son imprescindibles para preservar as máquinas e equipos” da zona de fitness e, casualmente, o empresario agraciado foi o mesmo ó que xa lle aboaron miles de euros polas pulseiras e pins da ‘ourensanía’ que a Deputación tamén reparte a quen lle ven en gana. Todo este dispendio estase a producir mentres o Paco Paz encadea, ano tras ano, perdas millonarias. De feito, en 2016 as perdas do espazo polideportivo de titularide provincial acadaron 1,2 millóns de euros.

Entre toallas, pulseiras, pins e outros materiais publicitarios, Baltar xa leva gastados durante os últimos 18 meses, como mínimo, 42.000 euros públicos en materiais de propaganda que non repercuten en nada na economía provincial salvo nas contas dunha empresa –a que sempre se lle encargan estes gastos– mentres o Goberno provincial incumpre a regra de gasto do orzamento ou queda de brazos cruzados ante a seca que está a arrasar a economía do agro. Durante 2016 este empresario recibiu 63.000 euros públicos da Deputación perfectamente repartidos en 26 pagos diferentes durante todo o ano.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, califica de “dispendio propagandístico absolutamente innecesario” este reparto de toallas porque “en calquera centro deportivo as toallas para secar o suor lévanas os usuarios da súa casa e non llas regala o ximnasio”. “A obsesión de Baltar coa ‘ourensanía’ parecen delirios e comeza a ser problemática xa que, o mesmo mes que aprobou regalar toallas coa súa marca persoal, decidiu non investir nada en axudas para a seca que está a arrasar o agro ourensán, deixando o gando se auga, impedindo os regadíos ou obrigando ós concellos a empregar camións cisterna para abastecer a veciñanza”, explica Fraga. “As toallas son a gota que esta a punto de colmar o vaso dos delirios de Baltar”, asevera o portavoz socialista, ó mesmo tempo que advirte de que van a estar “vixiantes” ante a inxente cantidade de cartos que esta a recibir esta empresa, sempre con contratos menores que escapan de practicamente todos os controis públicos de transparencia. “A ourensanía de postureo é palmaria e vergonzosa cando prefires gastar miles de euros en toallas e pulseiras antes que en axudas ós veciños afectados pola seca”, conclúe Fraga.