CORRUPCIÓN Denuncias

Hai irregularidades no bombeo de auga entre o río Miño e os concellos de Cenlle, San Amaro e Punxín?

PSDEG-PSOE, DO E BNG SOLICITAN A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN PARA ACLARAR IRREGULARIDADES NO BOMBEO DE AUGA ENTRE O RÍO MIÑO E CENLLE, PUNXÍN E SAN AMARO

Francisco Fraga (PSdeG-PSOE), Armando Ojea (DO) e Ramiro Rodríguez (BNG) reclaman transparencia a Baltar ante os indicios de sobrecustes detectados pola comisión veciñal e o Consello de Contas

A solicitude desta comisión especial de investigación deberá ser aprobada polo vindeiro pleno provincial do mes de outubro e celebraría a súa primeira sesión unha semana despois da aprobación

 Ourense, 5 de outubro de 2017. A oposición da Deputación de Ourense esixe en bloque transparencia para aclarar os sobrecustes e presuntas irregularidades detectadas no sistema de bombeo de auga entre o río Miño e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro, que non poden consumir auga dos mananciais por estar intoxicada con arsénico. E, por iso, PSdeG-PSOE, DO e BNG acaban de rexistrar unha solicitude conxunta para a creación dunha comisión especial de investigación que aclare as dúbidas detalladas nos informes da comisión veciñal intermunicipal do bombeo e mesmo polo Consello de Contas de Galicia que acaba de acordar a fiscalización dos datos.

A Deputación Provincial de Ourense ten delegada a asistencia técnica e a xestión do consumo de enerxía eléctrica deste sistema de abastecemento, mediante a sinatura de convenios con estes concellos. A comisión veciñal denuncia sobrecustes de todo tipo nos custes que a Deputación Provincial repercute ás arcas municipais ou existencia dunha “fuga” de auga de 100.000 metros cúbicos ó ano que ninguén sabe onde está, entre outras presuntas irregularidades que a Deputación, ata o de agora, non quixo aclarar. Hai uns días, o Consello de Contas acordou fiscalizar os feitos relatados pola comisión intermunicipal, nas análises sobre contas públicas e estabilidade orzamentaria.

Ante a ausencia de respostas detalladas que aclaren as supostas irregularidades, a oposición provincial une forzas para esixir, xa que Baltar presume de ser o campión da transparencia, aínda máis transparencia. O deputado e portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, asegurou que “existen dúbidas e indicios razoables de sobrecustos e unha sombra detrás dunha gran fuga de auga que non saben aclarar onde vai”. Fraga reclama “en aras da transparencia e obxectividade, botar luz na Deputación porque é a institución que leva a xestión para que non quede sombra de dúbida algunha”. O deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, aseverou que “según todos os indicios que temos, mais que unha fuga parece ser un consumo industrial encuberto do coñecido balneario de Laias”. “Son indicios. Non é que estemos dicindo que sexa así, pero precisamente para isto vai ser a comisión, pero temos esa sospeita en base ós numerosísimos datos técnicos que nos presentou a comisión”, explicou Ojea. Pola súa banda, o deputado e portavoz do BNG, Ramiro Rodríguez, asegurou que “pedimos á Deputación, ó señor Baltar, que a transparencia da que sempre presume se vexa en cuestións prácticas como esta”. “Pensamos que a mellor forma de resolver un asunto tan complexo é unha comisión con técnicos e políticos para dar e pedir as explicacións oportunas, e por iso esperamos que o Grupo Popular non teña ningún problema e votar a favor”, detallou Rodríguez.

A solicitude desta comisión especial de investigación deberá ser aprobada polo vindeiro pleno provincial do mes de outubro. Esta é a proposta de acordo conxunta de PSdeG-PSOE, DO e BNG que foi presentada no rexistro da Deputación de Ourense:

1. Crear unha comisión de investigación de carácter especial para o estudo da xestión do sistema de bombeo de auga entre o río Miño e os concellos de Punxín, Cenlle e San Amaro.
Esta comisión informativa de carácter especial axustarase ás seguintes regras:
a) A comisión estará integrada polo presidente, e membros dos grupos políticos que forman o Pleno da Corporación de forma proporcional á súa representación.
b) A designación dos representantes da comisión corresponderalle a cada grupo político, mediante escrito dirixido á Presidencia polo portavoz de cada grupo, no que se poderán incluír os suplentes que se consideren necesarios.
c) A primeira sesión da misión será convocada á semana seguinte da toma deste acordo. A comisión levará a cabo o seu traballo conforme co calendario de sesións que estableza a propia comisión
d) A comisión poderá solicitar os informes e asesoramentos que considere oportunos, así como acordar a práctica das probas que se estimen pertinentes para o esclarecemento dos feitos.
e) Os empregados ó servizo da Deputación Provincial e das súas entidades dependentes, así como os representantes das empresas concesionarias de servizos públicos, estarán obrigados a comparecer ante estas comisións co obxecto de prestar declaración sobre o asunto de que se trate.