INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

Queremos cambiar o plan BenOurense para non marxinar ó 85% dos concellos

O PSDEG-PSOE PROMOVE UN CAMBIO NO PROGRAMA BENOURENSE PARA EVITAR QUE BALTAR MARXINE Ó 85 % POR CENTO DOS CONCELLOS DA PROVINCIA

A iniciativa propón que se poidan acoller concellos de menos de 5.000 habitantes non mancomunados no tocante ós técnicos de servizos sociais e, tamén, incrementar a dotación económica

O Plan BenOurense é un programa de servizos sociais posto en marcha pola Deputación de Ourense desde que a Xunta delegou parcialmente estas competencias nos gobernos provinciais

Ourense, 13 de outubro de 2017. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense promove unha importante iniciativa para cambiar as bases do programa BenOurense –plan provincial de servizos sociais– para evitar a discriminación que as bases aprobadas polo PP aplican ós concellos de menos 5.000 habitantes, isto é, ó 85 % dos municipios da provincia. A iniciativa que se debaterá no vindeiro pleno provincial de outubro, propón ampliar e corrixir o programa para que se poidan acoller concellos de menos de 5.000 habitantes que non estean mancomunados no tocante ós técnicos de servizos sociais e, tamén, incrementar a dotación económica ós municipios para ampliar o número de persoas atendidas e para potenciar a prevención.

A única forma que, na actualidade, teñen os pequenos concellos ourensáns de evitar esta marxinación é sumarse as mancomunidades xa constituídas, cos problemas engadidos que isto implica para moitos deles. Segundo expresan os munícipes, o ideal sería que os de menos de 5.000 habitantes se puidesen agrupar de forma libre –tal e como recolle a lexislación– para concorrer a estas axudas e prestar despois o servizo conxuntamente, sen ter que pasar polo rolete das mancomunidades.

Os socialistas queren cambiar esas bases para incluír asociacións libres de concellos de menos de 5.000 habitantes por calquera mecanismo permitido na lexislación. Isto permitiría adecucar estes servizos de educación social e familiar ás características de cada territorio e ampliar o servizo a meirande parte do territorio provincial onde reside unha importante parte da poboación. A proposta do PSdeG-PSOE tamén solicita aumentar as cantidades de cartos previstas co obxecto de acercarse o prezo real de custe do servizo. O labor preventivo dos profesionais que se contratarían con eses cartos para afrontar problemas como alcoholismo, drogadicción, violencia de xénero ou mediación familiar é importante para evitar conflitos e canalizar tratamentos.

O Plan BenOurense é un programa de servizos sociais posto en marcha pola Deputación de Ourense desde que a Xunta delegou parcialmente estas competencias nos gobernos provinciais para aqueles municipios que teñen menos de 20.000 habitantes, que no caso da provincia ourensá son todos menos a capital. Tras aquel cambio e ademais das aportacións que deben facer os usuarios, a Deputación Provincial financia o servizo de axuda no fogar e persoal técnico dos servizos sociais básicos –xente non recoñecida como dependente– en 91 dos 92 concellos ourensáns. Pola súa banda, a Xunta financia o custo dos traballadores sociais e o servizo de axuda no fogar para os casos recoñecidos pola Lei de Dependencia en todos os municipios.

Neste contexto, os socialistas recordan que, por exemplo, as valoracións da Xunta para a dependencia que si administra, levan moito atraso (un ano dende a solicitude) o que ocasiona importantes trastornos ós demandantes e familias. Isto provoca que os concellos teñen que asumir déficits de horas de atención anuais que leva a que, por exemplo, Viana do Bolo denuncie unha lista de agarda de 10.000 horas ó ano.