DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Impulsamos o primeiro pacto provincial de Galicia contra violencias machistas

O PSDEG-PSOE PROPÓN QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBE O PRIMEIRO PACTO PROVINCIAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS DE GALICIA

O pacto provincial –un dos primeiros de España– é fundamental porque “a erradicación debe facerse desde políticas próximas para asentar unha cultura da igualdade fronte a submisión”, asegura Fraga  

Os socialistas levan ó debate do estado da provincia outras nove propostas en ámbitos tan diversos como o fomento da economía local, a difusión cultural ou a cooperación cos concellos da provincia

Ourense, 15 de novembro de 2017. O primeiro pacto provincial de Galicia contra as violencias machistas. Esa é a iniciativa nuclear das propostas dos socialistas para o debate do estado da provincia que se celebra mañá xoves 16 de novembro, sesión na que se pretende acadar a unanimidade dos grupos políticos para dar este importante paso en materia de igualdade e ante as últimas cifras estatísticas que destapan que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do presente ano 1.780 denuncias por violencia de xénero, un 28,1 % máis que no mesmo período do ano anterior.

A pacto impulsado polo PSdeG-PSOE neste ámbito é o primeiro pacto provincial de Galicia e un dos primeiros do estado, posto que unicamente a Deputación de Jaén levou a cabo unha iniciativa semellante. A proposta reclama o desenvolvemento dun pacto provincial contra as violencias machistas co obxectivo de por en marcha medidas que tendan a reducir o número de vítimas así coma previr e sensibilizar sobre as situacións de violencia de xénero. Este pacto deberá contemplar todas as liñas de actuación estratéxicas así coma definir o papel asistencial da deputación no tocante ós concellos de menos de 20.000 habitantes no eido da igualdade, que no caso da provincia de Ourense son todos menos a capital.

O portavoz provincial dos socialistas, Francisco Fraga, recorda que “é fundamental traballar unidos para atallar esta cuestión desde a súa orixe” xa que “a violencia de xénero afunde as súas raíces na histórica desigualdade das mulleres, como consecuencia do patriarcado existente na sociedade e por iso é fundamental abordar a súa erradicación desde políticas próximas ó entorno que permitan asentar unha cultura da igualdade fronte a submisión”. “O papel da Deputación de Ourense neste asunto debe ser fundamental posto que a meirande parte dos concellos da provincia son pequenos e non teñen recursos suficientes para implementar medidas eficientes antes as violencias machistas”, destaca Fraga.

Outras nove propostas

O pacto provincial contra as violencias machistas é unha das dez propostas que o PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense levará ó debate do estado da provincia. Entre elas destacan outras como a extensión e ampliación do programa piloto “Revivenda”, que ten como obxectivo incentivar a rehabilitación e posterior arrendamento de vivendas no medio rural e o asentamento de poboación; a elaboración dun estudo en colaboración cos concellos para analizar o ciclo da auga do que se deriven solucións técnicas, económicas e xurídicas para a súa mellora ou dobrar a cantidade asignada actualmente para limpeza das marxes das redes viarias municipais e provinciais.

Na cultura e no deporte proponse a creación dun atlas literario da provincia que permita o coñecemento da senlleira riqueza literaria de Ourense e que a poña en valor dende o punto de vista turístico; ampliar os medios e revisar as condicións do Plan Tarazana, e acometer unha ampliación das escolas deportivas, tanto en número coma en disciplinas, posibilitando que haxa, cando menos, unha en cada comarca.

No ámbito das novas tecnoloxías e o rural, os socialistas queren revisar o proxecto para a implantación dunha rede de acceso á banda larga desenvolvido e cofinanciado con fondos europeos no marco dos programas Terras do Avia, Delorur e Arraiano, para que presten un servizo de Internet rural de calidade. No caso de se detectar un servizo ineficiente, a Deputación deberá desenvolver un plan que poña en marcha puntos públicos de acceso a Internet nos núcleos rurais dos municipios.

No tocante ás infraestruturas e a economía proponse triplicar a cantidade asignada ó plan de inversións para o mantemento das estradas provinciais ou a posta en marcha dun plan de apoio á distribución e comercialización, incluído un plan de marketing e comunicación dixital dos produtos de calidade e excelencia da provincia coma a castaña, pataca ou o pan.

Por último, para a mellora da cooperación municipal reclamarase a aprobación dun plan único de investimentos nos concellos en base ós criterios obxectivos de reparto establecidos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), así como a elaboración dun convenio-marco de colaboración cos concellos sobre ó tratamento de datos persoais e a súa libre circulación, para cumprir así co establecido no Regulamento 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016.