Denuncias ORZAMENTOS

Baltar fai o ridículo ó presumir ante toda Galicia duns orzamentos clientelares

O PSDEG-PSOE DA DEPUTACIÓN ESÍXELLE A BALTAR QUE DEIXE DE FACER O RIDÍCULO PRESUMINDO DUNS ORZAMENTOS QUE SÓ SERVEN PARA MANTER VIVO O MONSTRO CLIENTELAR DO PP                                                                             

Baltar volveu facer unha oda ó cinismo ó presumir dunhas contas que perverte ó seu antollo prexudicando vergoñentamente as necesidades reais dos veciños e veciñas

O portavoz provincial, Francisco Fraga, critica que “a maior parte do diñeiro é para alimentar a este gran monstro clientelar que devora a Ourense” e reclama mais cooperación cos concellos ou un plan único

Ourense, 3 de novembro de 2017. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense esíxelle a Manuel Baltar que deixe de facer o ridículo, presumindo ante toda Galicia duns orzamentos que só serven para manter vivo o monstro clientelar que o PP ten montado na provincia. Durante a súa comparecencia na comisión terceira de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para presentar o proxecto de orzamentos da institución para o ano 2018, Baltar volveu facer unha “oda ó cinismo” ó presumir dunhas contas “que perverte ó seu antollo para anunciar de ser o primeiro en aprobalas mais logo non serven para nada porque teñen que ser modificadas nada máis empezar o exercicio orzamentario”.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, critica a actitude do presidente porque a estas contas “non lle atopamos outra finalidade máis que a de manter viva a estrutura clientelar mastodóntica do PP, que ten secuestrada a Deputación de Ourense, sen apenas incidencia na realidade das necesidades da provincia”. Fronte as “ensoñacións publicitarias” de Baltar ante o Parlamento, Fraga recorda que “a maior parte do diñeiro queda no camiño para alimentar a este gran monstro que devora á provincia”. “Mentres a provincia esmorece económica e demograficamente sen que a Deputación faga nada práctico para mitigar este problema, Baltar fanfarronea duns orzamentos que gastan, como mínimo, 1,4 millóns de euros en propaganda e publicidade ou 70.000 euros no premio Ourensanía”, lamenta.

cartel fran baltar en parlamento

Os socialistas de Ourense recordan que a meirande parte do gasto vai parar a manter persoal (máis do 39%) e gasto corrente (máis dun 23%). Fronte a este despilfarro, o PSdeG-PSOE propuxo un plan único para repartir os fondos entre os municipios de forma obxectiva, xa que as deputacións teñen a obriga legal de asistir e cooperar cos concellos. Fraga asegura que “a maior parte do orzamento deberían de ser transferencias correntes e asistencia ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes, que son todas menos a capital. As palabras de Baltar ante os parlamentarios disfrazan vergoñentamente esa realidade, posto que non quere o plan único que si teñen as outras tres deputacións de Galicia, xa que prefire seguir obrigando ós alcaldes e alcaldesas a ir pedir esmola no seu despacho para usos clientelares”.

“Baltar e PP deben baixar á realidade desde a nube na que levan instalados décadas. A realidade ocultada hoxe por Baltar ante o Parlamento galego é que os conservadores, ano tras ano, orzamentan, non en función das necesidades de Ourense; senón en función dos intereses políticos do partido dos conservadores, prexudicando a todos os veciños e veciñas e manchando o nome da provincia e da institución”. “Estes orzamentos non deixan de ser unha ferramenta electoral cando deberían ser útiles para a provincia”, conclúe Fraga.