POLÍTICA PROVINCIAL

A Deputación mantén a ilegalidade e non revoga a reprobación do presidente da Fegamp declarada nula

OS CONSERVADORES RECRÉANSE NA SÚA ILEGALIDADE Ó NEGAR A REVOGACIÓN DA REPROBACIÓN DO PRESIDENTE DA FEGAMP E ALCALDE SOCIALISTA DO BARCO DECLARADA NULA POLO SECRETARIO DO DEPUTACIÓN

Un antidemocrático PP tumba a comisión de investigación provincial sobre supostas irregularidades no bombeo de auga do Miño con Cenlle, Punxín e San Amaro reclamada por toda a oposición     

Baltar apropiouse da proposta do PSdeG-PSOE que reclamaba a creación dun gabinete de crise urxente ante a vaga de lumes e rexeitou introducir cambios moi necesarios no plan social BenOurense

Ourense, 27 de outubro de 2017. O PP envolveuse na ilegalidade cometida ó reprobar o presidente da Fegamp e alcalde socialista do Barco, Alfredo García, o pasado mes de agosto, durante un pleno extraordinario. Esa reprobación foi declarada nula de pleno dereito polo secretario do Deputación de Ourense mais os populares negáronse no pleno celebrado esta mañá a aceptar a urxencia da solicitude de revogación desa decisión nula, tal e como solicitou por escrito o PSdeG-PSOE, seguindo as indicacións do secretario da institución provincial contidas no extenso informe que, para colmo, está a ser criticado polos conservadores.

Comisión de investigación sobre o bombeo de auga

Un antidemocrático Partido Popular tombou a necesaria comisión de investigación provincial para aclarar os sobrecustes e presuntas irregularidades detectadas no sistema de bombeo de auga entre o río Miño e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro –que non poden consumir auga dos mananciais por estar intoxicada con arsénico–, a pesar das probas. Os socialistas consideran “moi grave que o PP empregue o seu rolete para intentar tapar irregularidades que están a afectar directamente á veciñanza”. A oposición estuda agora outras fórmulas para obrigar ó PP a render contas dunha cuestión que afecta directamente á xestión que realiza a Deputación.

A institución provincial ten delegada a asistencia técnica e a xestión do consumo de enerxía eléctrica deste sistema de abastecemento, mediante convenios cos concellos. A comisión veciñal que analizou os convenios e os proxectos denuncia sobrecustes que se repercuten nas facturas que pagan os usuarios e usuarias ou tamén unha “fuga” de auga de 100.000 metros cúbicos ó ano que ninguén sabe onde está, entre outras presuntas irregularidades que a Deputación non quere aclarar.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, asegurou que “existen sobrecustes que están a pagar os veciños e veciñas que deben ser aclarados porque, ademais, hai unha fuga monstruosa que ninguén atopa e que se vería como se fose un río. Hai sospeitas fundadas dun consumo industrial encuberto”. Pola súa banda, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, destapou que “unha fuga dese calibre é similar ó caudal das fontes das Burgas da cidade de Ourense durante todo un ano, polo que parece evidente que algo así se vería a simple vista”. Así mesmo, o voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez, explicou que “entendemos que os pasos que se teñen dado non aportan ningunha solución ó problema, polo que é necesario arroxar unha transparencia que non hai”.

Cambios no plan social BenOurense

A outra iniciativa socialista reclamaba cambios no plan social BenOurense, para evitar a discriminación que as bases aprobadas polo PP aplican ós concellos de menos 5.000 habitantes, isto é, ó 85 % dos municipios da provincia. A iniciativa, que foi rexeitada polo Partido Popular, propón mudar as bases para que se poidan acoller concellos de menos de 5.000 habitantes que non estean mancomunados, no tocante ós técnicos de servizos sociais e, tamén, incrementar a dotación económica ós municipios, para ampliar o número de persoas atendidas. A única forma de evitar esta marxinación é sumarse ás mancomunidades xa constituídas, cos problemas engadidos que isto implica.

A deputada socialista, Susana Rodríguez, explicou con moito detalle as importantes eivas que presenta un plan que é de máxima necesidade: “O actual programa é insuficiente polas cantidades e tamén é discriminatorio con concellos de menos de 5.000 habitantes non mancomunados. Por estas eivas, os concellos temos que asumir a deixadez da Deputación e da Xunta nun servizo no que, para colmo, non temos competencias”.

Enmenda sobre a vaga de incendios

Os socialistas presentaron unha enmenda á moción do PP, que se apropiou da iniciativa que reclamaba a creación dun gabinete de crise para tratar solucións urxentes ante a vaga de lumes que asolou a provincia de Ourense.  A enmenda reclama “a posta en marcha dun programa de axudas para a paliar os danos” e coa fin de obter a declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia civil, “constituír por parte da deputación, de xeito inmediato, equipos de valoración e análise de danos”. Igualmente se insta ás administración autonómica e estatal á adopción de “medidas urxentes e a posta en marcha de actuacións inmediatas de recuperación” da natureza afectada.