Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O secretario da Deputación anula a reprobación do presidente da Fegamp

UN INFORME DO SECRETARIO DECLARA NULA A REPROBACIÓN DO ALCALDE SOCIALISTA DO BARCO E PRESIDENTE DA FEGAMP IMPOSTA POLO PP NO PLENO

O demoledor informe abre varias vías de actuación para repoñer a legalidade tales como que o propio pleno revoque a adopción dun acordo fraudulento e ilegal

O propio secretario recoñece que o sentido da reprobación pretendía acalar o debate a prol dun reparto xusto e equitativo dos fondos entre concellos

Ourense, 19 de outubro de 2017. A oposición provincial ó completo deu conta do informe que lles remitiu o secretario da Deputación de Ourense a respecto da legalidade da emenda de reprobación que presentou o PP no pleno extraordinario do pasado mes de agosto contra o alcalde do Barco e presidente da Fegamp. Pleno que foi reclamado polos grupos do PSOE, BNG e D.O. para tratar a implantación dun plan único de reparto obxectivo dos fondos provinciais entre os concellos. Nese mesmo pleno e, segundo verbas do portavoz socialista, Francisco Fraga: “O Partido Popular trouxo a pleno o debate dunhas emendas que non tiñan outro obxecto que distraer o debate en si mesmo.

Entre elas estaba a reprobación do presidente da Fegamp e alcalde do Barco, Alfredo García. Vímonos na obriga de pedir este informe para saber se a presentación de emendas que se apartan do obxecto principal da orde do día estaba feita conforme á lei. Como xa nos temíamos o secretario da deputación confirma que esta emenda é un fraude de lei, que se aparta totalmente do sentido dos acordos presentados coa solicitude”. De todos xeitos, a pesar de que a oposición viu confirmadas as súas sospeitas de ilegalidade, por parte dos propios servizos xurídicos da deputación, Fraga Civeira lembra que “isto non se trata dunha excepción senón dunha práctica habitual do Partido Popular que usan este tipo de triquiñuelas mediante a presentación de emendas que nada teñen que ver co obxecto da moción, co obxectivo de aplicar o rodete da maioría e aprobar o que eles queren”.

Con respecto ás medidas a adoptar despois deste demoledor informe do secretario xeral en contra da legalidade da emenda popular, os grupos da oposición indican que caben varias opcións, entre elas, acudir á vía xurisdicional, ao contencioso-administrativo, que entenden non debería ser necesario porque á vista do informe debería ser a propia deputación a que revoque este acordo ou mesmo a revisión de oficio. Para os grupos da oposición a Baltar, este informe supón un duro golpe ao seu xeito de facer política, escudándose en reprobacións que non teñen cabida algunha na vida política da deputación. No caso concreto da que pretenderon levar adiante no mes de agosto, trátase de atacar a un alcalde que só estaba a defender os intereses dos concellos.

O ridículo de levar esta reprobación ó pleno foi tal que xa levou a que, no inicio da sesión o BNG, a través do seu portavoz, Ramiro Rodríguez pedira un informe verbal ao secretario en funcións na mesma. En verbas do portavoz nacionalista: “Nós xa tiñamos dúbidas máis que fundadas, agora confirmadas, de que nun pleno desas características, cunha orde do día pechada se poidan presentar este tipo de emendas, sobre todo en conta o tipo de emenda que supoñía a reprobación. A pesar de que tanto nós coma os socialistas nos ausentamos dun pleno do que cuestionamos a legalidade da presentación da emenda, o pleno seguiuse desenvolvendo, no que vén sendo unha práctica habitual e fraudulenta”. O portavoz do BNG recalca así que a práctica de presentación de emendas que desvirtúan o traballo da oposición é sistemática. “Pretenden aproveitarse dun baleiro legal e da falta de regulamento neste sentido para quitarlle validez e contido ás iniciativas froito do noso traballo. Agora vese plasmado isto nun informe que deixa un destes acordos como nulo de pleno dereito. Consideramos que xa que a reprobación non ten efecto xurídico, aínda que si formal e político, debe ser a propia deputación a que revoque este acordo fraudulento de oficio sen ter que recorrer a outros mecanismos”, conclúe.

Pola súa banda, Armando Ojea, deputado de Democracia Ourensana quixo afondar no que xa expresaran os seus compañeiros na oposición e engadiu que “a práctica de presentar estas emendas de substitución non son máis que un eufemismo porque en realidade a pretensión do PP é cambiar o sentido dos acordos e impoñer os seus. Quitan unha moción para colocar a súa aínda que non teña nada que ver. Isto xa nos sorprende que se faga nun pleno ordinario, canto máis aínda nun extraordinario onde se trata unha cuestión moi concreta e definida”. De feito, tal como recordan dende Democracia Ourensana, neste pleno “falouse de xusto o contrario do que se quería falar, solicitamos este pleno para falar dunha mellora no reparto ós concellos con independencia da cor política dos seus alcaldes ou alcaldesas e póñense precisamente a reprobar un alcalde, nun total sen sentido”.

O informe, polo tanto, abre varios camiños para repoñer a legalidade despois de que o grupo popular introducira unha emenda que supón un acto en fraude de lei. É de agardar que Baltar e os seus acaten este demoledor informe e actúen para recuperar a normalidade democrática xa no vindeiro pleno sen máis delación.