INCENDIOS SERVIZOS PÚBLICOS

Os socialistas pedimos un gabinete de crise urxente na Deputación pola vaga de lumes

O PSDEG-PSOE SOLICITA A CREACIÓN DUN GABINETE DE CRISE URXENTE NA DEPUTACIÓN DE OURENSE ANTE O ABANDONO DA XUNTA DURANTE A CATASTRÓFICA VAGA DE LUMES

A solicitude tamén reclama por a disposición dos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, de xeito inmediato, todos os medios da institución provincial e a creación de equipos de valoración de danos

Francisco Fraga recorda que “a Deputación ten a obriga legal de cooperación municipal” e denuncia que “o PSdeG-PSOE de Ourense está farto de medias tintas porque os lumes non son ningunha excepcionalidade nunha provincia arrasada cada ano”

Ourense, 17 de outubro de 2017. O PSdeG-PSOE solicitou esta mañá a constitución urxente dun gabinete de crise na Deputación de Ourense, que estea en contacto cos numerosos concellos afectados pola vaga de lumes que arrasan a provincia dende hai semanas, para coordinar os servizos de emerxencias provinciais cos servizos doutras administracións. Os socialistas recordan que a Deputación Provincial elaborou un mapa de emerxencias que debe ser un piar base de todos os servizos públicos nestas graves situacións.

A solicitude dirixida ó Goberno provincial, tamén reclama por a disposición dos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, de xeito inmediato, todos os medios da deputación para axudar a reparar os cuantiosos e graves estragos. O PSdeG-PSOE tamén reclama a constitución inmediata de equipos de valoración de danos, que recollan datos dos municipios para que, posteriormente, se poidan dirixir á Xunta de Galicia e ó Goberno central na procura de axudas. Asimesmo solicitouse a celebración dunha reunión urxente con alcaldes e acaldesas dos territorios damnificados para coñecer as súas demandas.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, recorda que “a institución provincial ten a obriga legal de cooperación municipal polo que é perentorio que non se poña, coma sempre, de perfil e actúe sen demora, xa que a situación é moi grave”. Fraga explica que “o PSdeG-PSOE ourensán está farto de medias tintas porque, en Ourense, os lumes non son ningunha excepcionalidade nunha provincia arrasada por grandes incendios cada ano”. “Esiximos solucións e responsabilidades e esixímolas xa porque estamos fartos de promesas incumpridas que non valen para nada, mentres os lumes queiman casas, granxas, negocios ou patrimonio natural”, insiste o portavoz mentres denuncia que “Ourense arde todos os anos e moitos miran cara outro lado”.