ESPAZO RURAL INCENDIOS

Esiximos a dimisión da conselleira do Medio Rural e do director de Ordenación Forestal por abandonar á xente á súa sorte

Miles de persoas convértense en heroes ó ter que apagar, entre pánico e coas súas propias mans, lumes monstruosos que matan persoas, desaloxan a miles de veciños e arrasan construcións

O portavoz, Francisco Fraga, destaca que “a situación é extraordinaria pero non sorpresiva xa que hai lumes activos dende hai semanas, o risco extremo estaba decretado e a seca non apareceu de súpeto”

Ourense, 16 de outubro de 2017. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a dimisión da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, por abandonar ós galegos e galegas á súa sorte ante a vaga de lumes que asolan a comunidade. A caótica inoperancia da Xunta –a pesar de que os montes levan ardendo sen parar dende hai semanas– quedou patente ó desmantelar a meirande parte dos equipos de extinción e ó non tomar medidas axeitadas de prevención a pesar das alertas por alto risco de incendio e condicións meteorolóxicas de seca.

As gravísimas consecuencias que, polo de agora, suman tres falecidos, unha vintena de feridos, miles de desaloxados, centos de construcións arrasadas e o patrimonio natural destruído, deben ser dirimidas nos tribunais mais non poden quedar impunes políticamente, posto que é responsabilidade do Goberno galego coordinar a loita contra o lume e protexer a vida das persoas. A falta de previsión da Xunta e a descordinación nas últimas 48 horas é vergoñenta.

O portavoz provincial dos socialistas, Francisco Fraga, asegura que “a Xunta abandonou á xente a súa sorte” o que “non pode quedar impune”.  “A situación é extraordinaria pero non é sorpresiva posto que o lume leva queimando o sur de Galicia dende hai semanas, o risco extremo de incendio estaba decretado, a seca non apareceu de súpeto e as malas condicións meteorolóxicas estaban avisadas”, destaca. “É unha vergoña. Non hai nin previsión nin medios”, insiste. “O abandono no mo contou ninguén posto que o vivín eu mesmo no meu concello, Piñor, onde so houbo un camión a pesar de estar ardendo medio concello con moitas aldeas evacuadas e veciños desesperados en medio dun pánico monstruoso”, explica Fraga. “Piñor é un exemplo pero decenas de aldeas, vilas e incluso a cidade de Vigo estiveron e están soas. O PP debe asumir as consecuencias da súa irresponsabilidade e pórse a traballar para mudar a política forestal que non funciona”, asevera o portavoz.