O PSDEG-PSOE ESIXE EXPLICACIÓNS A BALTAR DESPOIS DE CERTIFICAR A XUSTIZA QUE AMAÑOU UN CONCURSO PARA COLOCAR, OUTRA VEZ, A UN CENTO DE PERSOAS
Os socialistas veñen de solicitar un informe técnico ó xefe de recursos humanos da Deputación que detalle as consecuencias económicas e técnicas desta decisión xudicial
Francisco Fraga asegura que a sentencia confirma que Manuel Baltar herdou a Deputación de Ourense do seu pai, pero tamén as prácticas ilegais para aproveitarse da institución
Ourense, 10 de outubro de 2017. O PSdeG-PSOE da Deputación esixe explicacións a Manuel Baltar tras certificar a xustiza que o PP amañou un concurso de ascensos para colocar a dedo a un cento de persoas en postos de traballo público. Os socialistas consideran un “escándalo maiúsculo” que as prácticas ilegais de Baltar pai confirmadas en firme polos xuíces de todas as instancias –enchufes masivos de persoas afíns a centos– estean a ser reproducidas por Manuel Baltar sen o mais mínimo ruborizo. E, por iso, acaban de solicitar un informe ó xefe de recursos humanos da Deputación que analice as consecuencias técnicas e económicas desta decisión xudicial.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, asegura que “estamos ante un novo caso de enchufes masivos do baltarismo que non respecta a lei xa que vulnera os principios básicos de mérito e capacidade”. “A sentenza é tan contundente ó afirmar que se buscaba cerrar un concurso supostamente público a uns poucos elixidos polo baltarismo, que ruboriza incluso a algúns dentro do propio PP e, por iso, esiximos explicacións detalladas das consecuencias que pode traer a anulación desta importante porcentaxe do persoal da institución”, explica. O portavoz do socialistas asevera que “ante estes graves feitos ven de confirmarse que Manuel Baltar herdou a Deputación de Ourense do seu pai, pero tamén as prácticas ilegais para aproveitarse da institución que preside pervertendo o cadro de persoal e os servizos públicos”.
Fraga tamén cuestiona o pouco respecto que o PP ten a xustiza: “Chegan a dicir que todo o que di o xuíz é absolutamente falso sen aportar unha soa proba que desmonte a pormenorizada fundamentación xurídica da sentencia. Os políticos debemos respectar o estado de dereito e iso, entre outras cousas, tamén é mostrar respecto á xustiza”.