INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O primeiro pacto provincial contra a violencia machista, realidade grazas ó PSdeG

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBE A CREACIÓN DO PRIMEIRO PACTO PROVINCIAL DE GALICIA CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS

Francisco Fraga criticou a “política de ocorrencias” da que tanto presume Manuel Baltar e recordou que a meirande parte das súas propostas “non serven para resolver os problemas dos cidadáns”

Cinco propostas de resolución dos socialistas para o debate do estado da provincia do 2017 foron aprobadas grazas ó respaldo da maioría dos membros do pleno

Ourense, 16 de novembro de 2017. O PSdeG-PSOE logrou que o pleno da Deputación de Ourense aprobe a creación do primeiro pacto provincial de Galicia contra as violencias machistas. Esta iniciativa, que será a primeira de todas as provincias galegas e a segunda de todo o Estado, reclama o desenvolvemento dun pacto provincial contra violencias machistas, co obxectivo de por en marcha medidas que tendan a reducir o número de vítimas así coma previr e sensibilizar sobre as situacións de violencia de xénero. Este pacto deberá contemplar todas as liñas de actuación estratéxicas así coma definir o papel asistencial da deputación no tocante ós concellos de menos de 20.000 habitantes no eido da igualdade, que no caso da provincia de Ourense son todos menos a capital.

Durante o debate do estado da provincia deste ano 2017, o portavoz do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, criticou a actitude do presidente da Deputación, Manuel Baltar, do que dixo que “vive instalado nunha trampa que lle durará mentres siga tendo adeptos que aplaudan”. Fraga recordou a “política de ocorrencias” da que tanto presume “non sirve para resolver os problemas dos cidadáns”. “É experto en vender fume”, insistiu o socialista antes de destacar a importancia deste pacto debido á profundización das violencias machistas e a falta de políticas activas próximas que atallen o problema nos concellos, que son a administración pública máis próxima ós cidadáns. “A violencia de xénero afunde as súas raíces na histórica desigualdade das mulleres e o papel da Deputación e dos seus representantes debe ser clave, posto que a meirande parte dos concellos da provincia son pequenos e non teñen recursos para actuar ante as violencias machistas”, destaca o portavoz.

Cinco propostas aprobadas

Este pacto provincial foi unha das cinco propostas do PSdeG-PSOE que acadaron o apoio da maioría do pleno provincial. Tamén foi aprobado a elaboración dun estudo en colaboración cos concellos ourensáns para analizar o ciclo da auga do que se deriven solucións técnicas, económicas e xurídicas para a súa mellora ou a revisión do proxecto para a implantación dunha rede de acceso á banda larga desenvolvido e cofinanciado con fondos europeos no marco dos programas Terras do Avia, Delorur e Arraiano, para que presten un servizo de Internet rural de calidade. No caso de se detectar un servizo ineficiente, a Deputación deberá desenvolver un plan que poña en marcha puntos públicos de acceso a Internet nos núcleos rurais dos municipios.

Así mesmo, foi aprobada a posta en marcha dun plan de apoio á distribución e comercialización, incluído un plan de marketing e comunicación dixital, dos produtos de calidade e excelencia da provincia de Ourense tales coma a castaña, viño, pataca, mel, pan, etc. e tamén a elaboración dun convenio-marco de colaboración cos concellos sobre ó tratamento de datos persoais e a súa libre circulación, para cumprir así co establecido no Regulamento 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016.