INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos unha moción contra os incumprimentos dos acordos do pleno

O PSDEG-PSOE IMPULSA O PRIMEIRO PACTO GALEGO PROVINCIAL CONTRA VIOLENCIAS MACHISTAS EVIDENCIANDO A PARÁLISE E O POSTUREO DO GOBERNO DE BALTAR

Os socialistas tamén impulsan unha moción para esixir ó goberno provincial do PP que cumpra os acordos do pleno da Deputación aprobados pola maioría de representantes políticos

Francisco Fraga asegurou que “o reiterado incumprimento destes acordos plenarios por parte de Baltar supón un importante ataque á credibilidade da Deputación e a política en xeral”

 Ourense, 22 de novembro de 2017. O PSdeG-PSOE impulsará no pleno de novembro da Deputación de Ourense a posta en marcha do primeiro pacto provincial de Galicia contra violencias machistas, evidenciando desta forma a parálise e o postureo do goberno de Baltar. Os socialistas convértense na primeira forza política da institución en dar forma a unha das iniciativas aprobadas durante o debate do estado da provincia fronte ó PP de Ourense, un partido acostumado a falar moito e facer pouco, agás cando se trata de enchufar a persoas nas institucións públicas para manter viva a súa monstruosa estrutura caciquil.

RP_MOCIONES_NOVIEMBRE_02

O salón de plenos acollerá o debate de dúas iniciativas do PSdeG-PSOE moi ligadas entre si. Nunha séntase as bases para a posta en marcha do pacto provincial contra violencias machistas e na outra reclámase ó goberno de Baltar que, dunha vez por todas, cumpra as mocións aprobadas pola maioría. E que ó longo dos 27 meses transcorridos deste mandato, boa parte das iniciativas que obtiveron o respaldo dos membros do pleno, non foron levadas á práctica, xa que foron executadas de forma parcial ou caeron no absoluto esquecemento, e segundo a lei, é obriga do presidente da Deputación “ordenar a publicación e execución e facer cumprir os acordos”, algo que non está a suceder.

Audio da rolda de prensa ofrecida por Francisco Fraga e Susana Rodríguez

 

O portavoz provincial, Francisco Fraga, explicou que “o reiterado incumprimento destes acordos plenarios por parte de Baltar supón un importante ataque á credibilidade da Deputación e a política en xeral” e destacou que mesmo algúns dos anuncios do propio presidente quedan en simples verbas, evidenciando a súa “política de postureo e palabras valeiras”. Fraga evidenciou esta parálise recordando que o pleno aprobou axudas para a retirada progresiva do amianto e un ano despois non se fixo nada, e mesmo boa parte das cubertas do Pazo Provincial da rúa Progreso seguen a ser de amianto. O portavoz anunciou que reclamarán o cumprimento dos acordos e a creación dunha infraestrutura de análise e seguimento dos mesmos.

Pola súa banda a deputada e viceportavoz, Susana Rodríguez, subliñou a importancia dun pacto provincial contra as violencias machistas “efectivo e eficiente” porque “é fundamental que se persiga a través de todas as institucións a fin de vencellar a todas as  organizacións políticas, ós poderes do Estado e a sociedade civil nun compromiso firme”. Así mesmo destacou que “debemos ser conscientes das dificultades de visibilizar e loitar contra esta violencia estrutural nos entornos rurais”. Rodríguez recordou que estamos ante o primeiro pacto destas características de Galicia e un dos primeiros do Estado, xa que unicamente Jaén fixo algo. “A Deputación debe ter un papel clave á hora de asistir ós concellos pequenos que non teñen recursos, a por en marcha liñas de actuación estratéxicas para a erradicación desta violencia”, explicou.

A moción sobre este asunto propón “desenvolver un pacto provincial contra as violencias machistas co obxectivo de por en marcha medidas que tendan a reducir o número de vítimas así coma previr e sensibilizar” e “constituír e dotar orzamentariamente un consello provincial da muller”. Tamén reclama “subscribir de xeito inmediato o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero do Congreso” e “adherirnos ás achegas ó Pacto de Estado do Parlamento de Galicia”.

Pola súa banda a outra moción solicita que “o goberno provincial respecte e acate os acordos adoptados polos representantes lexítimos da maioría de representantes” e a “emisión dun informe semestral sobre o grao de cumprimento e incumprimento”. Igualmente propón a creación dunha comisión de seguimento sobre esta cuestión e a incorporación dunha páxina web ó portal de transparencia da Deputación na que se publicarán os acordos aprobados polo pleno, sinalando o grao de cumprimento ou incumprimento, e as posibles incidencias no caso de habelas.