DEREITOS SOCIAIS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP négase a avaliar o cumprimento dos acordos do pleno

OS CONSERVADORES REXEITAN CREAR UNHA COMISIÓN DE SEGUIMENTO QUE AVALÍE OS INCUMPRIMENTOS QUE O GOBERNO DE BALTAR FAI DOS ACORDOS DA DEPUTACIÓN

Todos os grupos do pleno da Deputación menos o BNG votaron favor da moción do PSdeG-PSOE para impulsar o primeiro pacto provincial de Galicia contra violencias machistas

O portavoz, Francisco Fraga, esixiu explicacións o goberno de Baltar trala información de La Voz de Galicia que destapa un plaxio no rexeitado proxecto ‘Conecta Ourense’

Ourense, 24 de novembro de 2017. O PP, nun novo alarde de incoherencia, rexeitou aprobar unha moción socialista na que se reclamaba que o goberno provincial respecte e acate os acordos adoptados polo pleno ou a creación dunha comisión de seguimento para analizar se o goberno provincial cumpre coa súa obriga legal de executar e facer cumprir os acordos, a pesar de que o propio Partido Popular impulsou e aprobou unha moción en similares termos no Concello de Ourense en abril de 2014. O PSdeG-PSOE alertou dos numerosos incumprimentos que Baltar acumula, incluso con propostas do propio grupo de goberno, que non se executan ou so se levan a cabo parcialmente. Entre os incumprimentos do propio goberno provincial nesta lexislatura destacan:

– Moción  do  Grupo  Popular  para  a  creación  do  inventario  do  patrimonio   artístico  da Deputación  Provincial  de  Ourense  e  a  posta  en  marcha  dunha  exposición  das  súas mellores pezas con carácter itinerante e comarcal.
– Moción do Grupo Popular a prol da mellora dos servizos de transporte público entre as vilas da provincia e a capital de Ourense.
– Moción do Grupo Popular para a elaboración dun Plan Director do Mosteiro de San Pedro de Rocas.
– Moción  do  Grupo  Popular  para  elaborar  o  Plan  de  turismo  cultural  e  creativo  da provincia de Ourense.
– Feira anual do viño da provincia
– Zona Franca Ourense
– Bolsa socio-sanitaria de emprego
– Centro tecnolóxico Ourense Intelixente
– Programa de Aceleración para a Innovación Pública

O PSdeG-PSOE da Deputación critica o doble raseiro do PP, votando en sentido distinto á mesma proposta, e recorda que, segundo Lei 7/1985, reguladora das Bases do Réxime Local, é responsabilidade do presidente garantir o cumprimento dos acordos, pero tamén é responsabilidade da oposición realizar o control da actividade do goberno, polo que unha comisión específica sobre este problema sería o mellor espazo para levar a cabo esta misión.

Finalmente o PP aprobou, mediante unha enmenda de substitución, a creación dun espazo propio na web de transparencia da Deputación Provincial na que se informará do grao de cumprimento dos acordos adoptados polo pleno, usarpando unha vez máis unha das propostas socialistas que travestiron como iniciativa propia grazas ó seu rolete.

Todo o pleno menos o BNG a favor do pacto contra violencia machista

A outra moción do PSdeG-PSOE para o pleno de novembro, que permitirá impulsar o primeiro pacto provincial de Galicia contra violencias machistas, foi aprobada por todos os grupos excepto polo BNG, que non votou a favor. O acordo permitirá “desenvolver un pacto provincial contra as violencias machistas co obxectivo de por en marcha medidas que tendan a reducir o número de vítimas así coma previr e sensibilizar” e “constituír e dotar orzamentariamente un consello provincial da muller”. Tamén reclama “subscribir de xeito inmediato o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero do Congreso” e “adherirnos ás achegas ó Pacto de Estado do Parlamento de Galicia”.

Plaxio nos proxectos da Deputación

Por outra banda, o portavoz dos socialistas na Deputación, Francisco Fraga, esixiu explicacións ó goberno de Baltar despois da información publicada polo diario La Voz de Galicia na que se destapa que parágrafos completos do proxecto ‘Conecta Ourense’ que custou máis de 70.000 euros, que o Ministerio de Facenda rexeitou polo que se perderen 15 millóns de euros en inversións para a área metropolitana da terceira cidade de Galicia, foron copiados do Plan de Mobilidade Urbana do Concello de Ourense do ano 2012. Fraga asegurou: “Queremos que reclamen as responsabilidades pertinentes á empresa, á que se lle encargou este traballo, por non cumprir co cometido. Amósase que o documento presentado carecía da calidade mínima para ser presentado, por iso foi rexeitado en dúas ocasión”.

“Sospeita que se ve confirmada co coñecemento de que se copiou e pegou, literalmente, doutros traballos, concretamente do antes sinalado, do Concello de Ourense, do ano 2012. Traballo que, para máis inri, o señor vicepresidente, Jorge Pumar, debería coñecer, xa que ademais de ser responsable deste proxecto, era asesor do grupo municipal popular no mencionado concello naquela altura. Isto ten toda a pinta de ser unha tomadura de pelo e esta deputación non pode quedar de brazos cruzados”, alertou o portavoz.