ENCHUFISMO

Máis caciquismo dos Baltar

OS SOCIALISTAS CUESTIONAN QUE BALTAR SIGA A ENGORDAR CON MÁIS PERSOAL INNECESARIO O MONSTRO CLIENTELAR NO QUE O PP CONVERTEU Á DEPUTACIÓN DE OURENSE

A Deputación ourensá xa é a que máis gasta de Galicia en persoal, duplicando o gasto por habitante da Deputación de Pontevedra e triplicando os datos da Coruña

 Francisco Fraga denuncia que esta OPE reflicte o “ADN cacique” de Baltar posto que “non son necesarios máis porteiros ou monitores deportivos pero si persoal para axudar ós concellos”

 Ourense, 1 de decembro de 2017. O PSdeG-PSOE cuestiona que Baltar siga a engordar con máis persoal o monstro clientelar no que o PP converteu a Deputación de Ourense. Os socialistas afirman que a oferta de emprego público (OPE) que os conservadores acaban de presentar ós sindicatos para o vindeiro ano, afonda no uso caciquil da institución, que é a que máis gasta en persoal de toda Galicia, e contradí as declaracións públicas que o actual presidente provincial fixo ó longo dos últimos anos, nas que explicaba que era preciso reducir o persoal para garantir o seu futuro.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, asegura que esta nova “manobra” de Baltar “vai engordar aínda máis o monstro clientelar no que o PP converteu á Deputación posto que actualmente xa é a deputación de Galicia que máis gasta en persoal con máis de 96 euros por habitante, duplicando á deputación de Pontevedra e triplicando a da Coruña”. Fraga pregunta se é necesario este “gasto absolutamente desproporcionado” para prestar servizos ás persoas “cando outras deputacións ben próximas préstanos igual ou mellor con moitos menos traballadores”.

Fraga destaca que desde que chegou á presidencia provincial, Baltar incrementou o gasto en persoal, xa que no ano 2012 este gasto era de 91 euros por habitante mais no 2017 é cinco puntos superior. “Este derroche vai en contra do programa de goberno ‘Ourense 15-19’ no que se establece unha redución do peso do persoal no orzamento ata o 30 % é resulta que estamos case 10 puntos por riba desa cifra e aínda o queren incrementar máis”, detalla mentres recorda que estas “incoherencias” do presidente son unha mostra palmaria do seu “ADN cacique” porque “tamén se contradí a si mesmo, xa que cando fixo o ERE na Deputación puxo por escrito que era imprescindible reducir o gasto en persoal para garantir a sostenibilidade da Deputación e resulta que un lustro despois o gasto aumentou”.

Fraga conclúe asegurando que “os socialistas de Ourense temos claro que é comprensible contar co persoal necesario para prestar determinados servizos ós concellos que teñen delegadas competencias na Deputación Provincial ou ós municipios que deben ser asesorados en materia legal ou administrativa en diferentes procedementos” pero “é unha cacicada de libro contratar máis porteiros ou monitores para o Paco Paz”.