INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Queremos que a Deputación se posicione en contra do enaltecemento do fascismo

O PSDEG-PSOE QUERE QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE IMPULSE UNHA BATERÍA DE MEDIDAS LEGAIS CONTRA O FASCISMO QUE AÍNDA SOBREVIVE NA DEMOCRACIA ESPAÑOLA

Outra moción dos socialistas reclama a implicación da Deputación na construción dunha circunvalación na área urbana de Ourense, única cidade de máis de 100.000 habitantes sen esta infraestrutura

O portavoz, Francisco Fraga, destaca a importancia de “sepultar” o fascismo para “afastalo” de institucións e fondos públicos, e salienta a importancia de “difundir as atrocidades cometidas para non repetilas”

Ourense, 5 de decembro de 2017. O PSdeG-PSOE quere que a Deputación de Ourense impulse unha batería de medidas legais e administrativas contra o fascismo que aínda sobrevive na democracia española, e que se está a visibilizar con moita forza nos últimos meses. Por iso, os socialistas presentaron unha moción para o pleno de decembro na que se insta ó goberno do Estado e ós grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que “contemplen a modificación do código penal e fagan a pertinente introdución dun artigo que prevea e castigue o delito de apoloxía do fascismo e totalitarismo”, e na que tamén se reclama á Xunta e Goberno central para que “desenvolvan medidas normativas específicas para impedir o acceso de calquera entidade que practique a apoloxía do fascismo ás subvencións”.


Audio da rolda de prensa ofrecida por Emilia López e Francisco Fraga

O PSdeG-PSOE traslada estas importantes medidas de rexeneración democrática á provincia –onde aínda hai alcaldes e cargos públicos que defenden, desde o posto, a ditadores e fascistas– e, por iso, reclama que a Deputación prohiba ó acceso a cartos públicos “á entidades que promovan delitos de odio e fagan apoloxía do fascismo”. A iniciativa tamén reclama que os concellos ourensáns se “adhiran a un compromiso asinado polo cal se estableza a obrigatoriedade de introducir unha norma nas bases de axudas e subvencións municipais que impidan o acceso ás mesmas, das entidades que propaguen a ideoloxía fascista e/ou totalitaria”, e promove “aumentar a dotación económica, actualizar e ampliar o contido do proxecto ‘A represión na provincia de Ourense’ así coma a súa web”.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, destaca a importancia de “sepultar” ó fascismo para “afastalo” de institucións e fondos públicos, e salienta a importancia de “difundir as atrocidades cometidas para non repetilas”. “Non debemos permitir que os antidemocrátas usen os instrumentos da democracia para destruíla”, asegura Fraga ó mesmo tempo que recorda que os países do noso entorno que tamén sufriron unha ditadura contemplan con amplitude na súa lexislación medidas como as que propoñemos os socialistas e que deberían aplaudidas por todos os demócratas”.

Circunvalación na área urbana de Ourense

 A outra iniciativa socialista solicita a implicación da Deputación para a construción dunha vía de alta capacidade de circunvalación da cidade de Ourense que, a súa vez, conecte a urbe cos concellos da súa contorna. Os socialistas destapan que a terceira cidade de Galicia é a única de máis de 100.000 habitantes de todo o Estado que carece desta infraestrutura vital para disuadir vehículos pasantes e axilizar movementos locais, o que permitiría pacificar o intenso tráfico interior e adoptar medidas importantes no ámbito da peonalización, mellora do transporte público ou no acceso á servizos básicos como hospitais ou polígonos industriais.

A moción propón que a Deputación “inste á Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento a planificar, dotar orzamentariamente e construír sen demora unha vía de circunvalación de alta capacidade na cidade de Ourense” e que “impulse un convenio-acordo marco de colaboración coa Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento e os concellos afectados para a construción e seguimento dunha vía de circunvalación de alta capacidade na cidade”. Por último, recorda que o plan ‘Conecta Ourense’ da propia Deputación determina que “o principal problema da área urbana é a fragmentación, a falta de vínculos (…) o que crea problemas de comunicación, cohesión e vinculación” e, por iso, solicita que este plan inclúa medidas concretas para a execución desta vía de alta capacidade.

Fraga detalla que “os novos modelos de cidade céntranse no peón e afástanse do vehículo”, polo que é preciso afrontar esta infraestrutura como unha “actuación supramunicipal” e, por iso, “a deputación, como concello de concellos, debe pilotar esta reclamación e rematar así cunha marxinación que vén de lonxe e que non pode durar moito tempo máis, pois está a afectar negativamente ós servizos e a economía da cidade e dos concellos da súa contorna”. “Segundo o Concello de Ourense hai máis de 282.000 viaxes diarias motorizadas na cidade, case tres veces a súa poboación, o que provoca que os ourensáns sexan os galegos máis preocupados polo tráfico segundo o IGE, ou que Ourense sexa a cidade galega con maior número de atropelos por habitante. É preciso executar esta infraestrutura canto antes o que permitirá solucionar estes problemas”, explica o portavoz.