INFRAESTRUCTURAS recortes

Denunciamos o incumprimento de todos os prazos na obra do AVE

O PSDEG-PSOE CELEBRA QUE O ADIF LLE DEA UNHA “LABAZADA DE REALIDADE” Ó PP SOBRE AS CAUSAS DOS ATRASOS NO AVE A GALICIA PERO RECLAMA MAIOR CELERIDADE NAS OBRAS

Os socialistas esixen ó Administrador de Infraestruturas Ferroviarias que, ademais de desmentir á Xunta e ó PP galego, deixe de incumprir os seus propios prazos anunciados no Diario Oficial da Unión Europea

O portavoz provincial en Ourense, Francisco Fraga, demanda do Goberno central celeridade nas obras e reclama que Baltar “se poña a vixilar incumprimentos e se deixe de esquiar e pasear ós Kennedy”

Ourense, 12 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE celebra que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) lle dea “unha labazada de realidade” ó PP sobre as causas dos atrasos nas obras do tren de alta velocidade a Galicia, despois de emitir o xestor ferroviario un comunicado no que contradí categoricamente á Xunta, que achacou os incumprimentos a non aprobación dos orzamentos xerais do Estado por culpa da oposición. Mais os socialistas de Ourense esixen ó Adif que, ademais de lle “zoupar ó PP galego polas súas mentiras”, acepte os seus compromisos sobre licitacións a adxudicacións, xa que leva meses quebrantando as datas que anunciou no Diario Oficial da Unión Europea.

CALENDRIO_OBRAS_TAV AVE_GALICIA

Segundo ese calendario, o ramal de conexión da nova liña de alta velocidade e o vello trazado convencional en Taboadela (Ourense) debería estar en obras no último trimestre de 2017 e actualmente non está nin adxudicado. A remodelación do trazado convencional entre Taboadela e Ourense para permitir o paso de trens AVE e a remodelación de vías e andéns da estación da terceira cidade de Galicia deberían estar adxudicadas no último trimestre de 2017 e en obras durante o primeiro trimestre de 2018 pero, a día de hoxe, non foron nin licitadas. Do cambiador de anchos en Taboadela nada se sabe e iso que, segundo publicou o Adif, a súa licitación tiña como data límite o último día de 2017. Tampouco se sabe nada do último tramo de 17 quilómetros da liña, entre Taboadela e Ourense, que ten todos os trámites ambientais rematados e, polo tanto, poderían ser licitadas as obras de inmediato, pero que o PP se empeña en adiar sine die, ó non adxudicarlle cartos nos orzamentos xerais do Estado ata dentro de varios exercicios.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, denuncia que “os incumprimentos dos prazos son tan maiúsculos que van imposibilitar a circulación comercial de trens AVE ata a estación de Ourense no 2019, tal e como anunciaron”. “Ningunean ós galegos e galegas con mentiras, mentres Feijóo so se preocupa por non facer ruido para asegurar o seu futuro en Madrid, e Baltar cala e mira cara outro lado, a pesar de que declarou hai uns días que ía estar vixiante”, asevera. “Debería vixiar os incumprimentos pero non ten tempo porque so se adica a esquiar ou a pasear ós Kennedy pola provincia”, relata. “O PP e o Adif están a incumprir o cronograma das obras, calendario que eles meses fixeron oficial no Diario da Unión Europea”, destapa Fraga.

Declaracións do portavoz, Francisco Fraga, sobre os atrasos nas obras

“Demandamos que deixen de rirse dos cidadáns botándolle a culpa á oposición da súas incompetencias, mentres teñan a súa casa sen barrer, e que se poñan a traballar para rematar as obras. É vergoñento este desleixo coa mellora das comunicacións a Galicia, territorio historicamente marxinado, que recibirá un tren moderno e eficiente tres décadas despois que outras comunidades, pero é un escándalo que teñamos que aturar as mentiras do PP cando a realidade é tozuda e a liña non estará rematada na súa totalidade ata o 2023 ou 2024 como mínimo”, asegura o portavoz socialista.