INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

Iniciativa política para frear á velutina

O PSDEG-PSOE PROMOVE UNHA MOCIÓN PARA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE DOTE DE MEDIOS E FORMACIÓN Ó PERSOAL ENCARGADO DE LOITAR CONTRA A PRAGA DE VESPA VELUTINA

O avistamento de niños desta perigosa especie depredadora disparouse na provincia de Ourense ó pasar de 0 en 2014 a 522 niños no 2017, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural

Ourense, 12 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE impulsa unha moción para o pleno de xaneiro na que reclama a implicación da Deputación na loita contra a praga da vespa velutina, ante o destacado incremento de casos na provincia nos últimos tres anos. E que o avistamento de niños disparouse ó pasar de 0 en 2014 a 522 niños no 2017, segundo os últimos datos da Consellería do Medio Rural. Eses datos destapan que esta especie depredadora e problemática entrou á provincia pola cunca do río Miño procedente do sur de Pontevedra, estendéndose por todos os concellos da ribeira e do oeste provincial, ata chegar a propia capital.

A moción insta á Deputación para que dote, durante o primeiro semestre de 2018, cos medios necesarios, ós Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) e o persoal do Consorcio Provincial de Ourense para o servizo contra Incendios e de Salvamento, que teñen encomendadas funcións de control e erradicación da vespa velutina. O portavoz provincial, Francisco Fraga, recorda que “Ourense é a provincia galega na que máis concellos teñen encomendado ós grupos este traballo e a Deputación que os financia debe dotalos de medios e formación porque, como eles mesmos denuncian, en moito casos, están a traballar sen ter nocións básicas sobre unha cuestión tan específica”.

A moción tamén reclama a elaboración dun protocolo informativo que inclúa un plan de comunicación pública sobre a praga para apicultores e veciños e veciñas interesados, mediante charlas impartidas por expertos na materia ou persoas previamente formadas, seguindo o establecido no programa de vixilancia e control da vespa velutina da Consellería do Medio Rural. Os socialistas consideran fundamental que a Deputación se dote dunha asesoría científico-técnica con persoal do Campus Universitario ourensán, que permita determinar as particularidades do control da praga en Ourense, debido as especiais e diferenciadoras condicións climáticas e medioambientais. O portavoz do PSdeG-PSOE recorda que outras institucións provinciais, como as da Coruña ou Pontevedra, xa o fixeron. “Se queremos evitar en Ourense unha praga tan masiva e prexudicial como a da Coruña, con máis de 14.000 avistamentos o pasado ano, debemos traballar sen demora para controlar a vespa velutina con efectividade na primavera e no verán”, insiste Fraga.