POLÍTICA PROVINCIAL SERVIZOS PÚBLICOS

A xustiza confirma as eivas da privatización do consorcio de bombeiros executada polo PP

A xustiza pon o foco na externalización do Consorcio de Bombeiros, feita sen as mínimas garantías e corrobora o que os socialistas temían: defectos de forma no proceso que prexudicaron ós propios traballadores que formaban parte dos parques comarcais.

A XUSTIZA CONFIRMA AS EIVAS DO PROCESO DE PRIVATIZACIÓN DO CONSORCIO DE BOMBEIROS EXECUTADO POLO GOBERNO PROVINCIAL DO PP

A resolución xudicial sinala que o goberno provincial do PP vulnerou os dereitos laborais dos traballadores subrogados no momento que externalizaron o servizo

 Os socialistas solicitan copia do documento despois de advertiren, en numerosas ocasións, dos perigos que suponía por un servizo público en mans da xestión privada

Ourense, 4 de xaneiro de 2018. Hai moito tempo que o Grupo Provincial Socialista ven sinalando o erro tan grave que comete o goberno popular da Deputación de Ourense ó empeñarse en privatizar os parques de bombeiros da provincia. Agora é a propia xustiza a que pon o foco nesta externalización feita sen as mínimas garantías e corrobora o que os socialistas temían: defectos de forma no proceso que prexudicaron ós propios traballadores que formaban parte dos parques comarcais. O xuíz do Contencioso-Administrativo vén de sinalar que aprecia vicio no xeito no que se subrogou ó persoal, vulnerando a negociación colectiva e obviando a necesidade de equiparar os salarios dos traballadores coas condicións económicas máis favorables que tiñan, por exemplo no parque comarcal de Verín, cando o servizo aínda non se convertera en provincial. Foron moitas as veces que o portavoz socialista, Francisco Fraga Civeira, advertiu que: “esta privatización vai supoñer un erro irreparable, toda vez que os exemplos doutros parques de bombeiros, que xa funcionaron con xestión privada, xa se revelaron como ineficientes e pouco garantistas cos dereitos laborais. Baltar teima en ir contracorrente, cando os outros gobernos provinciais loitan por un servizo público, el pon en mans da xestión privada un servizo fundamental para a nosa seguridade”.

Se ben o xuíz non deita por terra a privatización, si que indica a necesidade de facer unha revisión de oficio do proceso e, por isto, os socialistas reclaman que se lles entregue copia desta resolución xudicial para coñecer os pormenores de algo que xa se vía vir. De feito, no momento da selección de persoal, xa foran numerosas as queixas do sector por irregularidades no proceso. Como xa lembraron, noutras ocasións, a privatización da xestión do servizo en mans de empresas, en moitos casos  alleas ó sector, supón un atraso no que respecta a  conquerir os obxectivos dun servizo público de calidade. As empresas privadas procuran a maximización dos seus beneficios polo que tenden a aforrar en todos aqueles custos que consideren superfluos para o desenvolvemento do servizo. Isto tradúcese, por exemplo,  no retallo en custos laborais e en material dispoñible; e na xestión dos medios que pagamos entre todos e todas.

 

A decisión do xuíz supón un duro revés para o goberno do PP na deputación que leva defendendo un proceso contra-natura e vendendo como boa a perda da xestión pública dun servizo provincial. “Baste ver a recente vaga de lumes que asolou a nosa provincia e moitos dos nosos concellos para comprobar o necesario que é termar do público e, así, poder garantir a calidade e eficiencia do servizo ademais da operatividade á hora de pedir responsabilidades”, engade Fraga Civeira. O portavoz tamén quere resaltar que os socialistas seguen defendendo o modelo público e así o advertiron no seu momento porque “a xestión pública do servizo, pola contra, vén demostrando ser máis eficaz e, sobre todo, máis barata en comparanza co que se destina ás empresas privadas, véxase o caso do parque de Silleda”.