INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

A Deputación, a favor de penar o enaltecemento do fascismo grazas ós socialistas

A DEPUTACIÓN DE OURENSE POSICIÓNASE A FAVOR DE CAMBIAR A LEI ESPAÑOLA PARA ACABAR CO ENALTECEMENTO DO FRANQUISMO GRAZAS A UNHA INICIATIVA DO PSDEG-PSOE

Francisco Fraga asegurou que a proposta antitotalitarismo “busca frear o auxe dos fascismos cabalgando sobre o populismo” xa que “a lei española é a única dun país europeo que sufriu o fascismo que non castiga o enaltecemento”

Ourense, 22 de decembro de 2017. A Deputación de Ourense posicionouse hoxe a favor de cambiar a lexislación vixente no Estado español para acabar co enaltecemento do franquismo e de calquera tipo de fascismo e totalitarismo, grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE. Desta forma, a institución provincial reclama un cambio contundente na lexislación para penalizar estes vergoñentos actos antidemocráticos, xa que España é a única democracia de Europa que sufriu unha ditadura fascista e que non penaliza expresamente no seu código penal a súa exaltación.

Grazas a iniciativa socialista aprobada cos votos a favor de PSdeG-PSOE e PP e a incomprensible abstención do BNG e Democracia Ourensana (DO), vaise instar ó goberno do Estado e ós grupos parlamentarios das Cortes Xerais para que “contemplen a modificación do código penal e fagan a pertinente introdución dun artigo que prevea e castigue o delito de apoloxía do fascismo e totalitarismo”, e na que tamén se reclama á Xunta de Galicia e Goberno central para que “desenvolvan medidas normativas específicas para impedir o acceso de calquera entidade que practique a apoloxía do fascismo ás subvencións”.

A moción socialista aprobada tamén traslada estas importantes medidas á provincia de Ourense –onde aínda hai alcaldes que defenden, desde o seu posto público, a ditadores e fascistas– e, por iso, reclama que a Deputación prohiba ó acceso a cartos públicos “á entidades que promovan delitos de odio e fagan apoloxía do fascismo”. A iniciativa tamén insta ós concellos ourensáns para que se “adhiran a un compromiso asinado polo cal se estableza a obrigatoriedade de introducir unha norma nas bases de axudas e subvencións municipais que impidan o acceso ás mesmas, das entidades que propaguen a ideoloxía fascista ou totalitaria”, e promove “aumentar a dotación económica, actualizar e ampliar o contido do proxecto ‘A represión na provincia de Ourense’ así coma a súa páxina web”.

Francisco Fraga pleno diciembre

O portavoz provincial, Francisco Fraga, asegurou que esta proposta “non busca facerlle a proba do algodón a ninguén porque o que queremos e frear o auxe dos fascismos cabalgando sobre o populismo que estamos a ver con preocupación”. “O fascismo está a ser tapado polos populismos e iso fai que algúns o vexan menos perigoso”, alertou mentres recordou que “os tribunais atopan serios atrancos para relacionar os delitos de odio que si están recollidos no código penal co enaltecemento fascista que estamos fartos de ver en manifestacións ou declaracións de presidentes de fundacións que honran a ditadores”. “A memoria das vítimas merece ser honrada e dignificada fronte a estes ataques contra a nosa democracia”, salientou Fraga, antes de recordar que os países do noso entorno que tamén sufriron unha ditadura “contemplan na súa lexislación medidas concretas como as que propoñemos os socialistas e que deberían aplaudidas por todos os demócratas”.