BALTAR CONTRATA A DEDO CATRO PORTEIROS MÁIS PARA O CENTRO CULTURAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE DE DÚAS PORTAS E XA SUMA 14 PORTEIROS NO EDIFICIO
Con estas catro novas contratacións o edificio ten na actualidade 14 porteiros para dúas portas e un horario de apertura reducido que se limita a sete horas de luns a venres e tres horas as fines de semanas
O portavoz, Francisco Fraga, denuncia que o “caciquismo está no ADN do clan Baltar” e pregúntase se “Baltar presumirá de ser o primeiro presidente co récord mundial de sete porteiros por porta”
Ourense, 23 de xaneiro de 2018. Novos tempos e vellas prácticas caciquís na Deputación de Ourense. Manuel Baltar contratou a dedo, mediante decreto firmado do seu puño e letra, catro porteiros máis para o Centro Cultural Marcos Valcárcel, un edificio nobre situado a carón do Pazo Provincial, que conta con so dúas portas que e nos tempos de Baltar pai chegou a ter 22 porteiros, tal e como denunciara o PSdeG-PSOE. Antes destas catro novas contratacións e segundo figura na documentación oficial da Deputación Provincial, este centro cultural xa tiña en cadro 10 porteiros: nove persoas baixo a figura de persoal laboral fixo e outra como persoal laboral temporal. Desta forma, o edificio ten na actualidade 14 porteiros para controlar so dúas portas que permanecen abertas unicamente sete horas ó día de luns a venres, e tres horas diarias fines de semana e festivos.
Os socialistas pregúntanse se estamos ante un novo o récord mundial do que presumirá Baltar, ó superarse a media de 7 porteiros por porta durante o tempo que dura a exposición ‘In tempore suevorum’ para a que, supostamente, foron realizados estes novos contratos. A estes 14 porteiros a xornada completa hai que sumar outros tres “operarios sen cualificar” que traballan no edificio a xornada completa e que non se sabe exactamente que labor teñen encomendada nas instalacións. A plantilla do centro cultural –que ten una superficie expositiva duns 800 metros cadrados, un pequeno auditorio e espazos adicados a oficinas e salas de reunión– incluso conta cunha cociñeira contratada como persoal laboral fixo.
O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Francisco Fraga, denuncia que “o caciquismo polo que José Luis Baltar foi inhabilitado segue a campar ás súas anchas pola Deputación de Ourense presidida agora polo seu fillo e herdeiro”, porque “non se entende que tendo en plantilla 10 persoas adicadas exclusivamente a esta misión, sexa necesario contratar catro traballadores máis, se o horario do edificio non se ampliou durante a exposición sobre o reino suevo e as portas de acceso ó edificio tampouco se multiplicaron como se fosen os panes e os peixes”. “Decisións como esta demostran que os enchufes están no ADN do clan Baltar e que única forma de parar este despropósito é botando ó PP da Deputación de Ourense”, denuncia Fraga. “Os socialistas estamos ansiosos por saber se Manuel Baltar tamén vai dar rodas de prensa para presumir desta nova fazaña histórica ó ser o primeiro político do mundo en ter unha media de sete porteiros por porta”, destaca.
Cadro de persoal do Centro Cultural Marcos Valcarcel na actualidade:
Persoal laboral fixo
9 porteiros/as
3 operarios sen cualificar
2 operario limpador
1 auxiliar de servicios
1 cociñeira
Persoal laboral temporal
1 porteiro
4 porteiros/as (novos contratos)

