O PP DE OURENSE PASA OLÍMPICAMENTE DA SAÚDE DOS OURENSÁNS E LAVASE AS MANS NA CLAMOROSA RECLAMACIÓN DE MELLORAS NOS SERVIZOS SANITARIOS DA PROVINCIA
A provincia de Ourense pasou a liderar o taxa de mortalidade por infarto de miocardio en Galicia sendo, ademais, 27 puntos superior a media do estado español
Isabel Gil denunciou que “temos o mesmo dereito que o resto dos galegos e este servizo é decisorio para salvar a vida, pero non estamos ben atendidos, de feito, en 2009 comezamos con dous médicos para hemodinámica e actualmente hai un»
Ourense, 26 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense denuncia que “o PP pasa olimpicamente da saúde dos ourensáns” xa que, no pleno do mes de xaneiro “lavou as mans ante a clamorosa reclamación de introducir melloras nos servizos sanitarios da provincia”. E que os conservadores votaron en contra da moción socialista clara e perfectamente argumentada con datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE), na que se reclama un servizo de hemodinámica as 24 horas do día e os sete días da semana. Para colmo, tamén rexeitaron outra moción sobre o permanente colapso do servizo de urxencias no hospital da terceira cidade de Galicia.

Segundo analizaron os socialistas, os datos do INE para 2016 –o últimos dispoñibles– demostran que Ourense lidera a taxa de mortaldade por cada 100.000 habitantes, cunha elevada porcentaxe do 59,7, sendo a maior das provincias galegas e a cuarta máis alta de todo o Estado español. Esta cifra sitúa á provincia 27 puntos por riba da media estatal. Na actualidade, este servizo do Hospital Universitario de Ourense unicamente está dispoñible de 8 a 15 horas de luns a venres, o que provoca traslados a un hospital das aforas de Vigo.
A deputada, Isabel Gil, fixo un repaso dos datos e recordou que “os análises do Sergas din que somos a segunda provincia con máis demora na atención o infarto, cunha demora media de 169 minutos”. A deputada recordoulle ó vicepresidente da Deputación que o PP votou a favor desta cuestión no Parlamento galego e que as súas escusas actuais son “moita literatura” pero “do realmente importante, que os veciños e veciñas estean mellor ou peor atendidos, non fala porque como médico sabe que non o pode dicir”. “Non estamos ben atendidos. De feito, en 2009 comezamos con dous médicos para hemodinámica e actualmente hai un. Temos o mesmo dereito que o resto dos galegos a non seguir morrendo por estar peor atendidos e este servizo é decisorio para salvar a vida do enfermo”, denunciou Gil.

A moción rexeitada reclama esixir á Xunta, de maneira inmediata, a implantación do servizo de hemodinámica 24 horas no CHUO. Así mesmo solicita o compromiso da deputación para reclamar a equiparación do servizo de hemodinámica de Ourense co resto dos servizos que operan as 24 horas, e garantir así o dereito a recibir atención inmediata na área sanitaria sen teren que se desprazar, evitando o demostrado risco vital. Na súa contra, os conservadores do PP empregaron o seu rolete para impor ó pleno unha vergoñenta enmenda de substitución, que unicamente é un ‘falabarato’ porque non servirá para resolver a grave marxinación que están a sufrir os ourensáns.

