Denuncias SERVIZOS PÚBLICOS

O PP executa o timo da década e regala a unha empresa o novo parking do hospital

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O PP VAI EXECUTAR “O MAIOR TIMO DA DÉCADA” Ó ENTREGAR O NOVO PARKING PÚBLICO DO HOSPITAL UNIVERSITARIO A UNHA EMPRESA CUN “CANON IRRISORIO”

O canon que pagará a empresa gañadora deste concurso será bastante menor que o que debe aboar a concesionaria do outro aparcadoiro privatizado, propiedade da Deputación Provincial

Francisco Fraga asegura que “privatizalo desta forma, cun canon tan irrisorio, é un verdadeiro atraco á cidadanía que xa pagou esta obra” e denuncia a “ourensanía por fascículos” de Baltar

Ourense, 7 de marzo de 2018. O PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense, logo de impulsar unha moción na que reclamaba a apertura libre do novo aparcadoiro do Hospital Universitario de Ourense construído con fondos públicos, denuncia que o PP vai executar “o maior timo da década” ó entregar esta infraestrutura a unha empresa cun canon “absolutamente irrisorio”, aínda máis barato que o canon do outro parking. Segundo as plicas, a empresa que gañe o concurso deberá pagar 5.000 euros ó ano durante tres décadas e un canon inicial de 900.000 euros. Coas contas feitas, a suma ascenderá a 35.000 euros/ano, 14.000 euros menos que o prezo que abona a sociedade Georsa, concesionaria do outro aparcadoiro privatizado propiedade da Deputación ata o ano 2050.

Sin título5555

O portavoz, Francisco Fraga, denuncia que estamos ante o “maior timo da década” xa que “privatizar este aparcadoiro construído e financiado con cartos públicos implicará pagar dúas veces polo mesmo”. “E privatizalo desta forma, cun canon tan irrisorio, é un verdadeiro atraco á cidadanía que xa pagou a obra”, insiste. “As políticas sanitarias do PP son unha máquina de derrubar os intereses dos ourensáns”, xa que a licitación “o único que procura é valeirar os petos dos enfermos e as súas familias para encher as contas bancarias dunha empresa cun ben público de todos e todas”. “O silencio de Baltar é vergoñento, e a súa é unha ourensanía por fascículos, xa que unicamente presume dela cando lle interesa para autopromocionarse, pero non para defender os intereses reais dos seus veciños e veciñas”, denuncia Fraga.

Os socialistas cualifican como “abusivas” as tarifas que van aplicar, pois aínda que regalen a primeira media hora, cobrar un euro por hora é “un auténtico roubo ós enfermos e as súas familias, xa que practicamente ninguén está no hospital menos de media hora, e non hai outras alternativas de balde nas que deixar o coche”. O PP, non seu constante alarde de facer “negocio de amiguetes” coa sanidade pública, foi o único partido do pleno provincial que rexeitou a iniciativa do PSdeG-PSOE para reclamar a apertura gratuíta desta infraestrutura pública, que leva medio ano rematada pero pechada a cal e canto. A reclamación dun aparcadoiro libre non é ningunha ocorrencia: en numerosas localidades coma Vigo, Castellón ou Cartagena estanse a implantar espazos gratuítos xunto ós seus hospitais.

Fragmento do anuncio da licitación:

Sin título555