INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

Logramos que a Deputación de Ourense esixa a Feijóo frear os recortes en pediatras

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE ESIXA UNANIMEMENTE Á XUNTA DE GALICIA REMATAR O RECORTE DE PEDIATRAS NOS CENTROS DE ATENCIÓN PRIMARIA

“É un problema de recortes, non de recursos”, denunciou a deputada, Isabel Gil, antes de detallar un carrusel inaudito de tesoirazos de médicos en numerosos centros de saúde

O acordo aprobado por todos os grupos reclama que a Deputación inste á Xunta de Galicia a adoptar de maneira urxente, medidas  para que un plan de mellora da atención primaria e a reposición de prazas de pediatría

 Ourense, 27 de xullo de 2018. O PSdeG-PSOE acadou hoxe que a Deputación esixa por unanimidade á Xunta de Galicia a fin dos recortes no servizos médicos de pediatría na provincia de Ourense. Os socialistas levan meses denunciando o brutal recorte que o PP está a aplicar ós servizos sanitarios pediátricos da provincia de Ourense con peches, recortes e suspensións de todo tipo, nun ataque inaudito contra os dereitos dos nenos e nenas. Un carrusel inaudito de tesoirazos confirmados durante o debate de hoxe, recorte que durante os últimos anos tamén provocou, entre outros, a supresión do servizo de urxencias pediátricas 24 horas no CHUO ou a paralización de intervencións programadas de cirurxía pediátrica.

A deputada Isabel Gil denunciou que o desmantelamento do servizo “non obedece á falta de pediatras no mercado, tal e como está a asegurar propagandisticamente o PP, pois estamos ante un evidente recorte de persoal para pasar a cubrir unhas zonas con pediatras de outras mermando a calidade do servizo”. “É un problema de recortes, non de recursos”, insistiu. “Están mentalizando á xente de que van concentrar o servizo de pediatría nas grandes áreas e ó deixalos tres meses sen esta especialidade médica, cren que logo non van protestar polo recorte definitivo”, destacou. Gil afirmou que “temos que seguir defendendo o rural da provincia para que os nenos e nenas tamén teñan un servizo de calidade”, e recordou que “os mellores para atender ós pequenos son os pediatras especialistas e non os médicos xerais como están a propoñer desde o PP a modo de suplencia”.

O acordo aprobado por todos os grupos políticos da corporación provincial, reclama que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia a adoptar de maneira urxente, as medidas necesarias para que se desenvolva un plan de mellora da atención primaria e a reposición de prazas de pediatría, evitando así derivacións masivas de menores a outros centros de atención primaria e a masificación destes espazos de referencia. Tamén demanda que se restablezan, de xeito inmediato, os servizos pediátricos suprimidos en numerosos concellos.