INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Pedímoslle ó ministro de Fomento que licite a variante do AVE en Ourense

O PSDEG-PSOE PÍDELLE Ó MINISTRO DE FOMENTO POR CARTA QUE LICITE A NOVA LIÑA DO AVE ENTRE TABOADELA E OURENSE LOGO DA PARÁLISE QUE LLE APLICOU O PP DURANTE SETE ANOS

Fraga recórdalle ó ministro que “só resta vontade política para iniciar as obras”, posto que todos os trámites finalizaron hai meses. Tamén lle explica a actitude obstrutora do anterior Goberno con este tramo

Hai uns días –achegamos imaxes– comezaron, preto da estación de Taboadela, os traballos do ramal de conexión entre a nova liña ferroviaria e o trazado convencional construído durante a ditadura

Ourense, 7 de agosto de 2018. O portavoz do PSdeG-PSOE na Deputación ven de solicitarlle ó ministro de Fomento que licite canto antes, o tramo entre Taboadela e Ourense –coñecido como variante de Ourense– da liña de alta velocidade que unirá Madrid e Galicia, logo da indigna parálise que lle aplicou o PP durante os últimos sete anos. Nunha carta remitida a José Luis Ábalos, Francisco Fraga, tamén lle agradece os avances observados na execución das obras durante as últimas semanas. De feito, hai uns días –achegamos imaxes– comezaron, preto da estación de Taboadela, os traballos do ramal de conexión entre a nova liña ferroviaria e o trazado convencional construído durante a ditadura. Tamén publicou o BOE o adianto dos prazos na tramitación administrativa de proxectos como a base de montaxe da Mezquita ou a montaxe de vía entre Pedralba (Zamora) e Campobecerros.

obras_ramal_conexion_LAV_convencional_Taboadela
Obras do ramal de conexión da LAV coa liña convencional

Na misiva, Fraga asegura que lle solicita a inmediata licitación das obras deste último tramo “como fixen cos seus dous antecesores no cargo”, xa que “é fundamental para finalizar a nova liña entre Madrid e todas as cidades de Galicia xa que, de non ser executado, os trens que presten servizos AVE deberán circular sine die por un vello trazado convencional de vía única e con radios de curva perigosos para servizos de alta velocidade, que prexudicará  destacablemente a seguridade, a confortabilidade e os tempos de viaxe”.

Fraga recórdalle ó ministro que “só resta vontade política para iniciar as obras”, posto que todos os trámites finalizaron hai meses. Tamén lle explica a actitude absolutamente obstrutora do anterior Goberno central con este tramo da alta velocidade galega: “A tramitación deste tramo, iniciada en setembro de 2006 coa adxudicación do estudo informativo, foi paralizada en 2012 por orde da exministra, Ana Pastor, ós poucos meses de chegar ao cargo e desde entón, os proxectos estiveron gardados nun caixón, tras aplicar numerosas modificacións e recortes no seu deseño”.

Por todo o explicado, o portavoz remata a carta pedíndolle “máxima celeridade na licitación e adxudicación desta obra clave, para finalizar esta liña troncal da rede ferroviaria española en condicións óptimas de explotación e seguridade”.

carta_ministro_fomento
Carta remitida ó ministro de Fomento