POLÍTICA PROVINCIAL SERVIZOS PÚBLICOS

Baltar oculta datos sensibles sobre cobros indebidos no parking do hospital

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR OCULTA O NÚMERO DE AFECTADOS POLO INCUMPRIMENTO DA EMPRESA CONCESIONARIA DO PARKING DO CHUO NA REBAIXA DAS TARIFAS

O goberno provincial do PP aínda non ofreceu datos en resposta á batería de cuestións rexistrada polos socialistas o pasado 9 de xullo, logo de denunciar os incumprimentos da empresa

Francisco Fraga denuncia a complicidade de Baltar co incumprimento e asegura que “tal vez lle explicou a Obama as causas do atraso na rebaixa das tarifas e por iso ós ourensáns só lles ofrece a calada por resposta”

Ourense, 16 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE denuncia que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, oculta información sensible, así como o número de persoas afectadas polo incumprimento da empresa concesionaria do aparcadoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) propiedade da institución, ó non rebaixar as tarifas o día 1 de xullo de 2018, tal e como aprobou o pleno e certificaron o Boletín Oficial da Provincia e o servizo provincial de intervención.

O goberno provincial do PP aínda non ofreceu datos en resposta á batería de cuestións rexistrada polos socialistas o pasado 9 de xullo, logo de denunciar os incumprimentos da empresa. Un mes e unha semana despois, non hai resposta algunha. Baltar tampouco denegou expresamente o acceso a estes datos no prazo de cinco días e, polo tanto, o acceso enténdese concedido por silencio, segundo o estipulado no artigo 14 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais. A solicitude demandaba un informe técnico que valore este flagrante incumprimento da concesión, as súas consecuencias legais e a posible aplicación de sancións á empresa. Tamén emprazaba á institución provincial ourensá a informar á cidadanía do seu dereito a solicitar a devolución dos cobros indebidos efectuados por estacionar.

“A concesionaria cobrou demais indebidamente durante dúas semanas e o goberno do PP mirou cara outro lado intencionadamente, ata que o PSOE destapou o pastel”, denuncia o portavoz Francisco Fraga.Tal vez lle explicou a Obama as causas do atraso na rebaixa das tarifas e por iso ós ourensáns só lles ofrece a calada por resposta”, asegura. “Non ofreceron explicacións por escrito e tampouco responderon nada no último pleno, así que, cando calan insistentemente será porque teñen algo que agochar”, asevera. Fraga conclúe: “Non imos aceptar escusas ou silencios porque isto afecta directamente ós petos dos veciños e veciñas e, polo tanto, imos insistir as veces que sexan necesarias, xa que estamos ante un caciquil incumprimento do mandato do pleno”.

Esta é a solicitude de información do PSdeG-PSOE:

pregunta_parking_chuo_tarifas