INFRAESTRUCTURAS POLÍTICA PROVINCIAL

O fume electoral do PP e os vaivéns de Democracia Ourensana co parque acuático

O PSDEG-PSOE DA DEPUTACIÓN APOIA Ó GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE PEREIRO NA SÚA DEMANDA PARA A CONSTRUCIÓN DO PARQUE ACUÁTICO EN MONTERREI                                                             

Os socialistas denuncian o fume electoral do PP e os vaivéns de Pérez Jácome, que na Deputación impulsa o proxecto unicamente na cidade, mentres que DO de Pereiro defende a obra en Monterrei

Francisco Fraga asegura que “o PP é experto en vender fume electoral en forma de proxectos pantasma ou todo tipo de factorías, pero logo a única fábrica que poñen en marcha con premura é a dos enchufes”

Ourense, 26 de agosto de 2018. O PSdeG-PSOE da Deputación apoia ó grupo municipal socialista de Pereiro de Aguiar, na súa demanda para a construción dun gran parque acuático neste concello da área metropolitana da terceira cidade de Galicia. Os socialistas da institución provincial manifestan o seu acordo co proxecto; cren que a ubicación idónea é a contorna do complexo deportivo de Monterrei; defenden que este permitiría impulsar, dunha vez por todas, verdadeiras políticas de discriminación positiva para todo Ourense; e denuncian o fume electoral do PP e os vaivéns de DO ante o proxecto.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, explica que “a zona de Monterrei parece adecuada porque presenta un clima similar ó da cidade; porque está a só 10 minutos do centro da capital; porque hai espazo suficiente cuns 400.000 metros cadrados libres ó carón do complexo deportivo e de ocio, superficie dabondo para levantar o parque e para a tamén necesaria construción dun gran aparcadoiro”. “O PP é experto en vender fume antes das eleccións en forma de parques acuáticos, centros militares de investigación aérea, factoría de coches eléctricos, circuítos de velocidade ou fábricas de drons, pero logo a única fábrica que si executan con premura é a de enchufes masivos de amigos na deputación e nos concellos que gobernan”, salienta Fraga.

Os socialistas salientan que manteñen un único discurso na Deputación e no Concello de Pereiro, en contraposición cos “vaivéns” de Democracia Ourensana (DO). Hai que recordar que o partido de Gonzalo Pérez Jácome defende na institución provincial a única ubicación posible na cidade, pero no pleno de Pereiro promove unha localización “moito mellor” en Monterrei. “Ou van facer dous parques acuáticos ou minten para tamén vender fume na súa televisión”, denuncian. Desde o PSdeG-PSOE de Pereiro negan, como asegura reiteradamente Pérez Jácome, que o clima deste municipio sexa moi diferente ó da cidade, posto que a temperatura media de Ourense cidade durante o verán é de 22,2 º centígrados, e de Pereiro de 21,2 º centígrados.

Logo de ser aprobada no pleno da Deputación de xullo unha iniciativa que insta á Xunta de Galicia ó remate e presentación do proxecto de construción do parque acuático no complexo deportivo-recreativo de Monterrei, a ubicación nese lugar tamén vai ser debatida no vindeiro pleno de Pereiro de Aguiar, que se celebrará no mes de outubro a iniciativa do grupo municipal do PSdeG-PSOE. Nesa sesión, os catro grupos políticos da corporación local (PP, PSOE, DO e SON) deberán posicionarse con claridade sobre un proxecto que os socialistas consideran inaprazable. “Debería concretarse o proxecto coa maior premura posible pois, ata o de agora, o único que vimos foi fume electoral a través dunha foto de Feijóo e Baltar hai dous anos, unicamente acompañada dunha total falta de asignación económica nos orzamentos autonómicos ou provinciais, e de concreción técnica da proposta”, conclúen os socialistas.