INFRAESTRUCTURAS SERVIZOS PÚBLICOS

O PP anuncia para Ourense unha charca mediocre no lugar dun parque acuático

OS SOCIALISTAS PREGÚNTASE QUE CLASE DE CHARCA MEDIOCRE ESTÁN A DESEÑAR XUNTA E DEPUTACIÓN Ó ANUNCIAR PARA OURENSE UN PARQUE ACUÁTICO MÁIS PEQUENO QUE O DE CERCEDA

“Ou nunca pisaron un parque acuático de primeira división ou o PP quere facer unha simple charca para dicir que cumpriron o seu fume electoral”, asegura o portavoz na Deputación, Francisco Fraga

Dous anos despois do anuncio a dueto dos presidentes da Xunta e da Deputación, o único que vimos sobre o parque acuático é unha foto de seis persoas vestidas dos pés á cabeza sentadas nun sofá

 Ourense, 28 de agosto de 2018. Os socialistas pregúntase se a Xunta e a Deputación Provincial están a deseñar para a terceira cidade de Galicia, un parque acuático ou unha charca mediocre, logo de anunciar que traballan nun proxecto de 35.000 metros cadrados, isto é, uns 3.000 metros cadrados menos que o aquapark da vila coruñesa de Cerceda. “Ou nunca pisaron un parque acuático de primeira división ou o PP quere facer unha simple charca para dicir que Baltar e Feijóo cumpriron o seu fume electoral”, asegura o portavoz na Deputación, Francisco Fraga. “Parece unha mofa á terceira cidade de Galicia e a toda a provincia, que o parque acuático anunciado vaia ser un proxecto mediocre e máis pequeno que o de Cerceda”, denuncia.

medicion_superficie_cercedaMedición na que se pode observar a superficie do recinto de Cerceda

Un investimento de só seis millóns de euros é escaso para executar un proxecto de calidade que pretende converter a Monterrei nun referente do noroeste”, saliente Fraga. “Tamén anuncian que van manter as instalacións deportivas existentes dentro do recinto xa que, segundo o comunicado da Xunta, o único que van facer é reorganizar a parcela existente sen adquirir nova superficie”. “Onde van estacionar as miles de persoas que se acheguen desde toda Galicia se o recinto carece dun gran aparcadoiro? Queren que a xente siga aparcando nunha cuneta insegura, tal e como como sucede na actualidade? pregúntase o portavoz antes de salientar que “se dentro deses 35.000 metros cadrados está incluído o parking, efectivamente van facer unha simple charca”.

A superficie do recinto acuático de Cerceda –un municipio de só 5.000 habitantes– supera os 35.000 metros cadrados dos que falan a Secretaría Xeral para o Deporte e os responsables da Deputación, un proxecto que pretenden vender como gran aposta turística para Ourense e como referente para as provincias veciñas e o norte de Portugal (sic), de cara ás vindeiras eleccións locais e autonómicas. Os socialistas recordan que, dous anos despois do anuncio a bombo e platillo e a dueto dos presidentes da Xunta e da Deputación, o único que vimos ata o de agora dese parque acuático, é unha foto de seis persoas sentadas nun sofá vestidas dos pés á cabeza.