POLÍTICA PROVINCIAL SERVIZOS PÚBLICOS

O caos instálase no servizo provincial de recollida do lixo

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR ESTÁ A DESMONTAR INTENCIONADAMENTE O SERVIZO PÚBLICO DE RECOLLIDA DO LIXO PARA TER UNHA ESCUSA COA QUE PRIVATIZADO

Ante un carrusel de problemas e queixas en decenas de concellos, os e as socialistas solicitaron unha reunión “urxente e extraordinaria” da comisión de seguimento do servizo

“Ou hai deixadez ou hai intencionalidade, ou as dúas, e nós vemos que o que se fai primeiro é deteriorar intencionadamente servizos para xustificar logo a privatización”, denunciou Francisco Fraga

 Ourense, 3 de setembro de 2018. Os socialistas de Ourense denuncian que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, está a desmontar paulatinamente o servizo público de recollida do residuos urbanos, que a institución presta a máis da metade dos municipios da provincia, co fin de ter unha escusa para privatizalo, logo de fracasar outro intento de externalización que, hai un lustro, quedou en auga de borrallas. Deputados, alcaldes e concelleiros do PSdeG-PSOE denunciaron na porta principal do Pazo Provincial, as numerosas eivas e queixas que acumula este servizo público básico durante os últimos meses como a falta de persoal, a escasa frecuencia dos valeirados, a inexistencia de recollida selectiva ou a falta de limpeza e substitución de contedores sucios ou danados, entre outras.

O portavoz na institución, Francisco Fraga, explicou que “xa en anos pasados tiñamos recibido numerosas queixas, pero este ano foi excesivo e toca unha chamada de atención para que a Deputación de Ourense se poña mans á obra co fin de que non se repita o que pasou este ano”. “Son constantes as queixas”, destacou en varias ocasións, polo estado dos colectores ou a frecuencia dos valeirados. Neste mesmo sentido insistiu o rexedor socialista da Rúa, Luís Fernández, que asegurou recibir “continuadas queixas dos veciños por contedores rotos ou pola absoluta falta de limpeza e pola acumulación de lixo, que no verán coa calor, provocan situacións non aconsellables de carácter sanitario”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Ante este carrusel de problemas en decenas de concellos, os e as socialistas de Ourense solicitaron unha reunión “urxente e extraordinaria” da comisión de seguimento. “É o foro axeitado para que se lle poña solución a esta situación lamentable con fin de que non se volva a repetir, porque este é un dos servizos máis importantes que a Deputación lle presta a máis metade dos concellos da provincia”, dixo Fraga. Actualmente son medio cento os municipios ourensáns adheridos ó servizo provincial de recollida de residuos sólidos urbanos, cun custe para as arcas públicas que supera amplamente os seis millóns de euros. “Ou hai una deixadez ou unha intencionalidade, poden ser as dúas cousas, e nós vemos que en moitos servizos deste tipo, o que se fai primeiro é deterioralos intencionadamente para xustificar logo a privatización”, denunciou o portavoz antes de recordar que outro proceso de externalización ideado pola Deputación foi paralizado hai poucos anos.

Rolda de prensa sobre o servizo de recollida do lixo

Intento de privatización hai cinco anos

Hai cinco anos que Manuel Baltar intentou entregar a unha empresa este servizo público básico durante, nada máis e nada menos que, dúas décadas continuadas. Daquela, a Deputación de Ourense propuxo constituír unha sociedade mercantil de responsabilidade limitada de capital mixto que se fixese cargo do servizo por 20 anos, prorrogables ata un máximo de 25. Segundo aquel borrador, a adxudicataria debería asumir o servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos sólidos urbanos e os complementarios, como son a recollida selectiva de envases lixeiros, vidro e papel; xestión de puntos limpos; transferencia de residuos; lavado de colectores, e tratamento de residuos da construción.