GOBERNO ESTATAL POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE reúnese co delegado do goberno para tratar as cuestións que comprometen o futuro da provincia

O DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA MANTÉN UNHA XUNTANZA DE TRABALLO CO GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA DURANTE A SÚA VISITA INSTITUCIONAL A OURENSE

Durante a reunión, o portavoz do PSOE trasladoulle as principais preocupacións dos habitantes da provincia e as cuestións sociais que afectan ao desenvolvemento e futuro de Ourense

Os socialistas agradecen a Javier Losada a deferencia amosada co labor do grupo provincial e auguran un futuro moi prometedor no relativo á colaboración entre as dúas entidades

Ourense, 6 de setembro de 2018. O portavoz do grupo provincial socialista, Francisco José Fraga Civeira, así como o deputado Adolfo González Nóvoa, mantiveron unha xuntanza de traballo co delegado do goberno en Galicia, Javier Losada, durante a visita institucional que este realizou na cidade de Ourense, onte pola mañá. Durante a mencionada reunión, os/as deputados/as provinciais e o máximo representante do goberno de Pedro Sánchez na nosa comunidade, tiveron ocasión de repasar os problemas máis urxentes que ten a nosa provincia e que son de competencia estatal. Por suposto, púxose énfase na necesidade de axilizar o compromiso da chegada da alta velocidade a Ourense e nas melloras das infraestruturas, tales como estradas e autoestradas.

Sen embargo, ambos quixeron destacar a sensibilidade que amosa o novo goberno cara ós problemas sociais, polo que centraron a conversa na falta acusada de servizos que padece a provincia, o despoboamento, o avellentamento e a dispersión poboacional. “Son estas as cuestións que de deben ser prioritarias para todos os nosos representantes públicos posto que comprometen o noso futuro e o noso desenvolvemento. Hai que atallar os problemas que se derivan desta crise poboacional: o abandono do rural, as carencias na atención aos dependentes, o illamento das persoas, a falta de servizos e o recorte en moitos outros, básicos para que os nosos concellos resulten atractivos para que as familias se asenten, como no caso do ensino ou da sanidade”, sinalou o portavoz provincial durante o encontro.

Desde o grupo socialista na Deputación de Ourense, agradecen que o delegado tirase tempo da súa apertada axenda para coñecer, de primeira man, o labor do grupo na única provincia que segue sometida ás formas de desgoberno da dereita máis caduca. Os socialistas confían en que se tratou dunha “xuntanza moi produtiva, tanto por coñecer os proxectos do novo delegado do goberno para o noso país como porque lle puidemos trasladar as cuestións que preocupan á veciñanza da nosa provincia a unha persoa que ten unha traxectoria baseada na responsabilidade e na cercanía”, destacou Fraga Civeira.

Durante o encontro e antes de que o delegado acudise ao concello para proseguir o seu percorrido, tiveron oportunidade de tratar temas concretos como as deficiencias da AP-52 ou as melloras que precisa a N-120 ao seu paso por Valdeorras así como as infraestruturas que precisa a cidade, caso da vía de circunvalación de alta capacidade. Tamén se trataron cuestións relativas ao eido cultural como a apertura do museo arqueolóxico provincial ou a declaración da Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade. Sen esquecer temas de candente actualidade como a reforma do financiamento da administración local.