INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

O PSdeG esixe solucións contra as verteduras de fosas sépticas nos ríos da provincia

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA DEMANDA DA DEPUTACIÓN A POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS URXENTES QUE LOITEN CONTRA O DETERIORO MEDIOAMBIENTAL DOS NOSOS MONTES E AUGAS PLUVIAIS

Os socialistas reiteran a posta en marcha dun estudo que avalíe o ciclo da auga na provincia, aprobado por unanimidade hai case un ano sen que o PP de Baltar destinara un peso para poñelo en práctica

Tamén reclaman que se reduzan as achegas que se lles esixen aos concellos afogados polo custos do baleirado das fosas e a xestión da depuradoras

Ourense, 18 de setembro de 2018. O PSdeG-PSOE demandará no pleno de setembro da Deputación de Ourense que se analice o ciclo da auga nos termos nos que se acordou facelo xa en novembro de 2017, a instancias dos socialistas. Desde aquelas e, de xeito reiterado, téñense dado problemas coa depuración das augas residuais en varios concellos, incluídos nos que teñen convenio coa deputación e, aínda así, verten os residuos sen tratar no monte ou nos ríos. En verbas do portavoz do grupo provincial socialista, Francisco Fraga: “Os propios medios de comunicación fanse eco do estado dos sistemas de depuración e enfrontámonos a un grave problema medioambiental se esta deputación non asiste aos concellos de xeito eficiente e sostible”.

No pasado pleno do mes de xaneiro de 2017 xa se alertou da situación do baleirado e xestión de lodos das fosas sépticas dos concellos da provincia así como da necesidade de reformular tanto este convenio da deputación como o de asistencia técnica para o control e mantemento das depuradoras compactas. Naquela ocasión xa se demostrou que os convenios existentes resultaban pouco atractivos, por excesivamente custosos, para que os concellos se adherisen; e co tempo vemos como esta situación foi a máis. Baste dicir que, recentemente, un dos concellos adheridos ao convenio de xestión de lodos, O Irixo, foi noticia polas continuas queixas das verteduras dalgunha fosa séptica nas proximidades do río Viñao e do descontrol municipal con respecto da xestión e limpeza destas fosas.

No tocante ó convenio de asistencia para o control das depuradoras compactas, o tempo veu a confirmar os argumentos esgrimidos polos socialistas vai máis dun ano: as depuradoras compactas que se instalaron nalgúns núcleos de poboación resultan demasiado gravosas para as arcas municipais polo gasto que supoñen en limpeza e en electricidade. “Cando foron instaladas, dicíase que ían ser moi económicas, sen embargo, a realidade contradí esas previsións optimistas: o custo de electricidade para un núcleo duns 500 habitantes vaise ós 15.000 euros ó ano, co cal, moitos concellos que non teñen convenio coa deputación, desconectan estas depuradoras e evitan o gasto, orixinando un grave problema medioambiental”sinala o voceiro, “por iso pediamos que se reformulase o convenio para que resultase atractivo para as entidades locais e o PP non nos fixo caso, a pesar das evidencias”.

Porén, os socialistas destacan que a propia deputación, xa recoñecía que existía unha mala praxe na xestión da depuración de augas residuais, posto que se prioriza o impacto económico sobre o medioambiental. Con respecto a isto, Fraga Civeira destaca que: “a costume do goberno provincial do PP, de non aceptar consellos construtivos, levounos a rexeitar as nosas medidas propostas e obrigar aos concellos a vivir na precariedade e ter que escoller entre sustentabilidade e aforro económico, cando son perfectamente compatibles”. Sen embargo, uns meses despois, en novembro do 17, o PP recuou e aprobou a proposta dos socialistas de facer un estudo pormenorizado do ciclo da auga en toda a provincial, desde o abastecemento ata a depuración e por en marcha medidas que, case un ano despois, están sen implementar. O voceiro indica que, “coma sempre aproban medidas por puro postureo e rendibilidade electoral, sen investir nelas e sen por recursos para paliar os problemas desta provincial. Por iso volvemos traer unha cuestión vital para o futuro da nosa sustentabilidade ambiental e do noso abastecemento de auga, nunha provincial, lembremos, especialmente castigada pola seca”.

Os socialistas defenden a urxencia de por en marcha medidas que paren os desafíos aos que se enfrontan numerosos concellos á hora de devolver a auga á natureza nun estado óptimo que non agreda ao medio ambiente. “Por moito que defendan as bondades dos seus convenios e o baratos que resultan fronte á xestión privada, hai que melloralos para que os municipios se decidan por esta opción pública e poidan costear as achegas requiridas. De momento vemos que non é así. É o momento propicio, a pesar de que seguramente xa chegamos tarde, xa hai concellos, como o de Verín, que se amosan escandalizados polos prezos que lle piden desde as concesionarias privadas e andan estudando a maneira de recuperar a xestión pública das depuradoras”, conclúe Francisco Fraga.