INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Presentamos o proxecto dun ecoparque en Cachamuíña

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA LEVARÁ UNHA INICIATIVA DOS SOCIALISTAS DO PEREIRO PARA QUE SE DESENVOLVA O PROXECTO DE MELLORA DO PARQUE FLUVIAL DE CACHAMUÍÑA

O proxecto, ideado e presentado polos socialistas de Pereiro de Aguiar, foi aprobado no concello hai case 10 anos sen que o PP fixese as xestións pertinentes para sacalo adiante

Para Francisco Fraga o proxecto é “moi acaído para o entorno tanto por dotar dun espazo lúdico e sustentable a unha zona tan próxima á capitalidade do concello como pola proximidade con Ourense cidade”

Ourense, 21 de setembro de 2018. Ante a inacción continuada do Partido Popular, o grupo provincial socialista recolle a testemuña dos e das compañeiros e compañeiras do PSOE do Pereiro de Aguiar para que se desenvolva a súa extraordinaria iniciativa que vai permitir a mellora e acondicionamento do parque fluvial de Cachamuíña. Esta mañá, ao pé do encoro, tivo lugar unha presentación aos medios deste proxecto que vai significar un cambio substancial para o propio Concello do Pereiro de Aguiar, pero tamén para toda a comarca de Ourense, capitalidade da que só os separan 6 quilómetros. O voceiro e candidato do PSOE no Pereiro, César Grande, cedeu a testemuña ó portavoz dos socialistas na Deputación de Ourense, Francisco Fraga, para que este traslade unha iniciativa que leva aprobada case 10 anos pero que non se seguiu desenvolvendo por falta de vontade política dos populares. “É a quenda dos compañeiros da deputación á hora de dar traslado do proxecto á institución provincial, porque aló van dez anos sen que as distintas administracións competentes, local, provincial e autonómica, gobernadas polo PP, fixesen as xestións oportunas. Ó tempo tamén lle demos traslado ós/ás compañeiros/as do Parlamento de Galicia para que fagan o propio”, sinalou César Grande.

cachamuiña

Acompañados pola deputada provincial pola comarca de Ourense e vicevoceira na deputación, Susana Rodríguez, así como polo concelleiro Jorge Gutiérrez, a secretaria local do Partido, Carmen Figueiral e Luísa Dos Santos, membro da agrupación, fixeron a presentación dun proxecto ambicioso e moi ben elaborado, que afectaría a unha superficie dunhas 40 ha, e un orzamento estimado superior aos 2 millóns de euros, inclúe a construción dun auditorio ó aire libre de deseño innovador, na contorna do encoro de Cachamuiña. Pola súa banda, o voceiro do PSOE na deputación, comprometeuse publicamente a defender un proxecto sustentable, que describiu como, “moi acaído para o entorno, para aproveitalo e darlle un uso lúdico, tan só pola proximidade da capitalidade do concello xa paga a pena pero ademais é unha localización privilexiada, a tan só 6 quilómetros de Ourense. Todos os usos que proxectaron os compañeiros do Pereiro non poden ser máis axeitados”.

O proxecto, aprobado por unanimidade no 2009, por parte de todos os grupos políticos con representación no concello, inclúe a posta en marcha dun carril-bicicleta que percorrería o perímetro do encoro de case 4 km, con conexión con Ourense capital e conexión con camiños rurais e vías xa existentes (Pereiro, Cortiñas, Os Gozos, Santa Marta, A Derrasa, Urbanización A Veiga de Abaixo, urbanización de Monterrei, etc) que finalizan nesta presa. Con respecto a isto, o portavoz local dos socialistas do Pereiro, indica que: “É necesario un pulo en Pereiro, debido á proximidade coa capitalidade da provincia (Ourense) e ó complexo das piscinas de Monterrei, a través do fomento dun turismo ecolóxico rural-deportivo-cultural a desenvolver en plena natureza, coa fin de xerar beneficios económicos, directos e indirectos”.

O proxecto que os socialistas van transformar nunha moción a debater na deputación, ten en conta todas as variantes de ocio que pode acoller a zona, especialmente a partir de agora, xa que, grazas ás xestións que leva realizando o grupo socialista de Pereiro desde o ano 2014, este foi o primeiro verán en anos, que o Concello de Ourense non baleira o encoro, mantendo un nivel das augas adecuado para o seu desfrute. Así tamén se prevé a creación dun embarcadoiro, para a atracada de barcas a remo, que permitirá a navegación recreativa da presa así como a creación dunha zona de restauración e hostalaría, así coma, un observatorio da natureza da contorna e, por suposto, unha rehabilitación da ribeira do encoro mediante a plantación de árbores autóctonas. “Pereiro de Aguiar é un concello que aumentou a súa poboación dun xeito espectacular nos derradeiros anos, a súa situación é privilexiada a un paso da capitalidade,  do polígono, e do complexo deportivo de Monterrei, un concello tranquilo no que vivir, que se converteu en aspiracional para moitas familias, e debemos por todo da nosa man para que o desenvolvemento económico e o futuro do concello proveña de proxectos sustentables como este”, conclúe Fraga Civeira.