ORZAMENTOS POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar presenta uns orzamentos que só serven para manter no poder ao PP

O PP APROBA UNS ORZAMENTOS CONTINUISTAS NOS QUE SE CONSUME MÁIS DA METADE DO TOTAL NOS GASTOS CORRENTES E DE PERSOAL MENTRES DEIXAN QUE A PROVINCIA ESMOREZA

O portavoz do PSOE denuncia que: “Fixeron das contas un instrumento electoral ao servizo do PP, é coma unha lotaría que toca sempre aos mesmos e nunca atende as necesidades da provincia”

Os socialistas logran que se inclúa á asociación A Pantalla no consello reitor do Museo Galego do Entroido e que se respecten os seus dereitos despois da tentativa do PP de ningunealos

Ourense, 28 de setembro de 2018. O PSdeG-PSOE tirou a careta “modernizadora” de Baltar ao demostrar, cos datos na man, que os orzamentos para o 2019 son un instrumento electoral ao servizo dos intereses do PP e que prexudican á cidadanía da provincial. “Hai concellos do PP que levan, individualmente, máis que o total dos 4 únicos concellos gobernados polo PSOE que foron agraciados nesta especie de sorte de lotaría de Nadal adianta a outubro. Fan das contas unha ferramenta para dar cartos a dedo aos seus afíns e desatenden as necesidades globais da provincial”, destacou Francisco Fraga, portavoz do PSOE, na súa intervención.

O PSOE cualificou as contas da deputación para o vindeiro ano de “continuistas, manteñen a mesma tendencia e os mesmos vicios de exercicios anteriores ao tempo que a situación da provincia e dos seus habitantes non mellora. Os seus orzamentos aumentan ao tempo que a provincial esmorece”. Os socialistas denuncian que, unha vez máis, os orzamentos provinciais dedican máis da metade do total asignado (máis de 52 millóns dun total de 82,8 millóns de €) aos gastos correntes e de persoal. É dicir, a deputación provincial devora a meirande parte dos seus recursos en manterse a si mesma. O PSOE, pola súa banda, segue demandando que se cambie o modelo e que a maior parte deses cartos estivesen, realmente, a dispor dos concellos da provincial, na súa totalidade e de xeito equitativo. “A nosa proposta sería que se lle axudase no día a día duns concellos cada vez máis afogados por unhas competencias impropias que non fan máis que aumentar ao tempo que o financiamento diminúe”, sinalou o portavoz.

Para o grupo socialista na deputación, estes orzamentos só responden a criterios decimonónicos e clientelares, sen asomo de que se materialice a tan vendida provincia intelixente na que se debería distribuír e administrar os fondos dunha maneira xusta, igualitaria e equilibrada, con criterios obxectivos. O voceiro tamén mencionou que se trata dunhas contas decepcionantes que desminten o discurso modernizador de Baltar: “Ao final son os orzamentos de sempre para unha provincial que pouco máis pode agardar”.

Emenda á modificación de créditos

O PSOE aproveitou a enésima modificación dos orzamentos do 2018 para presentar unha emenda na que urxía a actuación da deputación para que, en colaboración coa Xunta e co goberno do Estado, se consignase unha cantidade apropiada para reparar os servizos públicos danados polos lumes que padeceu o Concello de Carballeda de Avia o pasado ano, a piques de que se cumpra o aniversario de tan desgrazado suceso. Para os socialistas, as modificacións son tan frecuentes porque a premura por presentar os orzamentos fai que o goberno de Baltar non faga as previsións de forma eficiente. Os socialistas quixeron, así, aproveitar a ocasión para que se atendese unha necesidade que si se debera ser contemplada como urxente, porén foi rexeitada con argumentos peregrinos.

Emenda in voce de mellora do Museo Galego do Entroido

A vice-portavoz e portavoz no Concello de Xinzo, Elvira Lama, aproveitou o debate sobre a transferencia do Museo Galego do Entroido á deputación para que se aprobase dunhas emendas de adición ó convenio e se garantise o lugar xusto que merece a asociación A Pantalla de Xinzo, verdadeira iniciadora do proxecto. Por unha banda, conseguiu que se garantira a continuidade de uso do baixo do museo por parte dos asociados con acceso independente e, pola outra, que se incluíse a un representante da asociación no consello reitor que vai xestionar o museo.

Melloras na xestión do ciclo da auga

 O deputado provincial e alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez, tivo que demostrarlle ao goberno do PP a importancia de que se mellore a xestión do ciclo da auga na provincial, tanto no que comprende a potabilización e abastecemento como no referido aos sistemas de depuración, con numerosos fallos e verteduras incontroladas en numerosos concellos. O deputado indicou que: “Volvemos traer o tema a este pleno porque non hai maneira de que vostedes comprendan a importancia real de garantir que a auga sexa devolta á natureza nas condicións máis óptimas, anunciaron xa no 2013 un proxecto piloto moi innovador que quedou niso, en proxecto. Non se despisten moito nesas melloras que van facer que cando tal chega o 2020 e vostedes seguen co estudo a voltas”. Porén o PP negou o seu voto a favor dunha iniciativa tan prioritaria.