Denuncias DEREITOS SOCIAIS

Sumámonos á demanda da Deputación de Pontevedra para frear os ataques machistas nas institucións públicas

O PSDEG-PSOE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE SÚMASE Á DEMANDA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PARA FREAR OS ATAQUES MACHISTAS desde INSTITUCIÓNS PÚBLICAS

Os socialistas ourensáns apoian a protesta de condena convocada baixo o lema de “Machismo institucional. Nin un minuto máis” contra todo tipo de comportamentos e ataques machistas

Os deputados e deputadas ourensáns amósanse moi preocupados polas vergoñentas actitudes e os silencios cómplices dos populares no que atinxe á igualdade de todos os homes e mulleres

Ourense, 9 de outubro de 2018. O grupo provincial socialista da Deputación de Ourense súmase á demanda da Deputación de Pontevedra para frear, dunha vez por todas, os ataques e insultos machistas desde e contra institucións públicas, logo do carrusel de vergoñentos desprezos que está a soportar a presidenta da institución, Carmela Silva, por parte do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, co silencio cómplice de todo o PP. Os socialistas ourensáns apoian a concentración de condena convocada baixo o lema “Machismo institucional. Nin un minuto máis”, contra todo tipo de comportamentos e ataques machistas ás mulleres, e especialmente do machismo institucional dos cargos públicos.

O PSdeG-PSOE considera “moi graves as declaracións do alcalde de Vilanova de Arousa, a súa reiteración neses ataques e o silencio cómplice de todo o Partido Popular ante unha situación bochornosa que non se debe consentir”. Por iso, reclaman ós e ás líderes dos conservadores que “adopten as medidas necesarias para frear esta escalada de ataques contra a dignidade de todas as mulleres”. “Cando atacan a Carmela Silva desa forma, realmente atacan a todas as mulleres”, aseveran. Os deputados e deputadas ourensáns amósanse moi preocupados polas vergoñentas actitudes dos populares no que atinxe á igualdade de todos os homes e mulleres.