OS SOCIALISTAS DO PARLAMENTO EUROPEO PREGUNTAN Á COMISIÓN POLA SUPOSTA REUNIÓN ‘A SOLAS’ DE BALTAR CON JUNCKER QUE NON FIGURA EN NINGUNHA AXENDA OFICIAL
O eurodeputado, José Blanco, quere “aclarar os termos do suposto encontro” que non figura na axenda oficial, e tamén demanda información sobre investigacións da Comisión á Deputación ourensá
“Demandamos a Baltar que poña os pés na terra, que aterrice dunha vez, pero que o faga na terra do rural de Ourense”, asevera o portavoz provincial Francisco Fraga
Ourense, 10 de outubro de 2018. O deputado socialista no Parlamento Europeo, José Blanco, acaba de rexistrar unha pregunta para a súa resposta pola Comisión Europea, na que reclama información sobre a suposta reunión mantida ‘a solas’ entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Comisión, Jean-Claude Juncker, que non figura en ningunha axenda oficial e que, sen embargo, foi amplamente publicitada polo goberno provincial.
No escrito relata que coñeceu o suposto encontro oficial mediante a “información aparecida na portada do xornal La Región”, na que se explica que os presidentes “analizaron vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa, entre as que se encontra o financiamento directo para os territorios provinciais». Ante esta información, Blanco reclama “aclarar os termos do suposto encontro, tendo en conta que na axenda pública do presidente Juncker, accesible desde a web da Comisión Europea, non consta ningunha reunión bilateral co presidente da Deputación de Ourense”. O eurodeputado galego tamén reclama información “ó fío da petición realizada por Manuel Baltar” tralas investigacións realizadas polos casos Deputrans, Estacións ou Daredo, ou despois da exclusión da Deputación dos fondos Edusi, “se na actualidade existe algunha investigación aberta en canto ó uso de fondos europeos por parte da Deputación de Ourense”.
O portavoz provincial dos socialistas, Francisco Fraga, agradece o traballo realizado por Blanco e critica novamente a xa denunciada con anterioridade “política de propaganda persoal e selfies de Baltar, que emprega máis tempo facendo fotos no estranxeiro para o seu álbum fetiche persoal, a costa dos cartos públicos de todos e todas, que mantendo encontros de traballo efectivo con alcaldes, alcaldesas e representantes dos municipios ós que debe prestar atención prioritaria”. “Demandamos a Baltar que poña os pés na terra, que aterrice dunha vez, pero que o faga na terra do rural de Ourense”, asevera Fraga.