INICIATIVAS MEDIO AMBIENTE

Impulsamos un parque fluvial con embarcadoiro e auditorio en Cachamuíña

O PSDEG-PSOE PROPORÁ QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE DESEÑE E EXECUTE O PROXECTO DUN GRAN ECOPARQUE DE 40 HECTÁREAS NO ENCORO DE CACHAMUÍÑA

Fraga recorda que “a Estratexia Conecta Ourense, reiteradamente defendida polo goberno de Baltar, detalla problemas en concellos como Pereiro de Aguiar que este proxecto permitiría solucionar”

A iniciativa que se financiaría con recursos propios e mediante convenios ou subvencións, tamén propón unha senda no curso do río Loña entre Ourense e Cachamuíña

Ourense, 16 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE proporá no vindeiro pleno provincial que a Deputación redacte e financie, mediante recursos propios ou procurando fondos vía convenios e subvencións, o proxecto de acondicionamento dun ecoparque do encoro de Cachamuíña (Pereiro de Aguiar), incluíndo un auditorio ou un carril bici perimetral. O proxecto, ideado polos socialistas de Pereiro, abarca unha superficie dunhas 40 hectáreas cun investimento de dous millóns, e recolle unha quincena de propostas para revalorizar e mellorar os servizos e o medio natural dun dos espazos de esparexemento máis senlleiros da área metropolitana da terceira cidade de Galicia. Tamén se propón unha senda no curso do río Loña entre Ourense e Cachamuíña.

O portavoz, Francisco Fraga, asegura que “cremos necesario o impulso deste espazo para o turismo ecolóxico, deportivo e cultural, mediante un proxecto plenamente sustentable, nun lugar moi próximo ó complexo deportivo de Monterrei e ó futuro parque acuático, co fin de xerar beneficios económicos e sociais que permitirán incentivar a actividade empresarial, fomentar actividades deportivas e culturais, ou mellorar servizos e infraestruturas públicas”. “A Deputación, como institución provincial, ten entre as súas misións primordiais a cooperación cos municipios pequenos con poucos recursos para executar investimentos, e por iso debe cooperar e impulsar este ecoparque nun lugar moi acaído, que será un revulsivo para Pereiro, Nogueira e toda a contorna rural da cidade”, salienta o portavoz.

Fraga recorda que “a Estratexia Conecta Ourense, deseñada e reiteradamente defendida polo goberno de Baltar, foi pagada e elaborada co fin de establecer un espazo cohesionado para reforzar os vínculos dos concellos máis pequenos da área de Ourense entre si e coa propia cidade, polo que, con esta iniciativa, desde o PP teñen a oportunidade de converter palabras en feitos”. “As carencias e problemas de municipios como Pereiro que o goberno provincial relata nesa estratexia, poderían comezar a súa reversión coa posta en marcha deste ecoparque e os seus proxectos anexos”, destaca o deputado.

O proxecto detalla a creación dun corredor peonil seguindo o río Loña e a súa restauración ambiental; a construción dun auditorio ó aire libre en Cachamuíña; un carril bici no perímetro do encoro conectado cos camiños existentes cara localidades de Pereiro ou Nogueira; un aparcadoiro de bicicletas; a mellora do actual camiño peonil do encoro e a eliminación de barreiras arquitectónicas; un parque infantil e un espazo multiaventura; a construción dun embarcadoiro e postos de pesca; un observatorio de avifauna con paneis informativos; a restauración ambiental da ribeira; a creación dunha zona de restauración e hostalería con aseos públicos; a instalación de iluminación e a instalación de fontes públicas. Os socialistas propoñen na moción que a Deputación de Ourense redacte os proxectos e realice as xestións necesarias con outras administracións ou organismos competentes para a súa execución. Tamén reclaman que a institución financie a obra con recursos propios e con fondos procedentes de convenios ou subvencións.

Proyecto_ecoparque_Cachamuina

cachamuiña
cachamuiña