INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Promovemos a mellora das estradas provinciais

OS SOCIALISTAS IMPULSAN A MELLORA DA CONSERVACIÓN DAS ESTRADAS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE ANTE AS QUEIXAS DOS TÉCNICOS POR FALTA DE RECURSOS

 “Baltar debe explicar por que está a recortar progresivamente os orzamentos para mantemento e conservación, a pesar de asumir cada ano máis quilómetros de estradas”, asevera o portavoz Fraga

Unha moción reclama que a institución incremente os fondos adicados a xestión, conservación e mantemento das estradas ata os seis millóns anuais, e que se reforce o servizo de vías e obras

Ourense, 22 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE impulsa a mellora das estradas da Deputación de Ourense, ante as reiteradas queixas dos técnicos e técnicas por falta de recursos económicos e materiais, e dos usuarios e usuarias polo seu deficiente estado. Unha moción que se debaterá no pleno deste venres reclama que a institución incremente os fondos públicos dedicados a xestión, conservación e mantemento das estradas da súa titularidade ata os seis millóns de euros anuais, e que se reforce o servizo de vías e obras cubrindo as prazas de persoal que estean vacantes e convocando as de nova creación que sexan necesarias. Os socialistas defenden a necesidade dun servizo público óptimo e de calidade, fronte ó desmantelamento que, pola calada, está a executar o goberno provincial conservador.

O portavoz provincial, Francisco Fraga, denuncia que “é incomprensible que o goberno de Baltar acumule recortes continuados nos orzamentos adicados ás estradas da súa titularidade, a pesar de asumir ano tras ano máis quilómetros de vías”. “Entre os orzamentos de 2018 e os de 2019, a Deputación perdeu medio millón de euros e xa se sitúa nuns escasos e insuficientes 1,5 millóns que evidentemente non alcanzan para unha xestión eficiente”, destaca. O portavoz recorda que “é fundamental que estas vías polas que transitan a diario decenas de miles de veciños e veciñas estean en correctas condicións de seguridade, comodidade e funcionalidade, xa que exercen un papel clave para atender as necesidades sociais das persoas e facilitan acceso ós servizos básicos como a asistencia médica urxente”.

Os socialistas recordan que estas vías, moitas delas en mal estado, tamén permiten desenvolver importantes activades económicas de empresas e autónomos; fomentan a vertebración territorial do rural; e incluso permiten impulsar o turismo xa que, moitas delas serven para acceder ós principais monumentos e atraccións da provincia. “Á meirande parte das atraccións turísticas da Ribeira Sacra ou o mosteiro de Oseira accédese por vías de titularidade provincial que meten medo ou que presentan importantes eivas”, salienta Fraga. O portavoz tamén recorda como a veciñanza de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) ou San Agustín (Viana do Bolo) levan lustros abandonados á súa sorte porque o goberno provincial nin arranxou nin buscou solucións mediante colaboración con outras administracións, ós problemas que presentan estradas da súa titularidade que dan acceso a estas localidades e as súas contornas.

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca as queixas dos técnicos é técnicas que nin, por exemplo, sequera teñen fondos dabondo para realizar “planos da provincia a escala para debuxar as estradas”, polo que considera fundamental establecer unha adecuada planificación orzamentaria e un investimento anual suficiente para todas as necesidades específicas de xestión, conservación e mantemento dunha rede que xa supera amplamente os 1.800 quilómetros pero que, sen embargo, cada ano recibe menos fondos. “Baltar debe explicar por que está a recortar progresivamente o mantemento e a conservación”, asevera Fraga.

Unha viaxe por estas vías permiten observar, en moitos casos, un cúmulo de eivas: importantes deficiencias no estado do firme debido ó tránsito ou ás inclemencias meteorolóxicas do inverno; fochancas de gran tamaño; falta de limpeza das marxes; deficiente estado da pintura das marcas viarias no asfalto ou mal estado da sinalización vertical ou sinalización directamente inexistente, entre outros. Os socialistas consideran que a Deputación Provincial debería incrementar considerablemente os cartos dedicados a estas infraestruturas, para solucionar dunha vez por todas as reiteradas carencias das que se queixan moitos veciños e veciñas. Así mesmo, defenden que o persoal destinado ós traballos de conservación e mantemento é manifestamente insuficiente, polo que o seu número debería ser incrementado, e a maquinaria –obsoleta e sen mantemento básico– debe ser mellorada.